O convenio impulsado polo Goberno de Diana Piñeiro, que contemplaba un investimento de máis de 870.000 euros, foi rexeitado polos votos en contra de UxC, PSOE, BNG e da concelleira non adscrita e a abstención de Alternativa dos Veciños
A alcaldesa cualifica o resultado como "unha mala noticia para Cambre" e anuncia que continuará negociando con Augas de Galicia para conseguir todas as actuacións posibles no río Mero
O Goberno municipal de Cambre lamenta profundamente que o pleno ordinario celebrado este xoves rexeitase a proposta de convenio entre Augas de Galicia e o Concello para acometer a recuperación integral do paseo fluvial do río Mero, unha actuación valorada en 870.204,72 euros que permitiría renovar e recuperar un dos espazos naturais máis importantes e utilizados do municipio.
A proposta contou unicamente co apoio do Partido Popular. Unión por Cambre, PSOE, BNG e a concelleira non adscrita votaron en contra, mentres que Alternativa dos Veciños optou pola abstención, impedindo que Cambre puidese beneficiarse dunha actuación integral financiada por Augas de Galicia.
Durante o debate plenario, a alcaldesa, Diana Piñeiro, lembrou que o que se sometía á decisión da Corporación non era unha actuación puntual, senón unha recuperación integral do paseo fluvial, elaborada a partir dun estudo técnico de Augas de Galicia que identificaba as principais deficiencias acumuladas ao longo dos anos.
"Estamos falando dun investimento próximo ao millón de euros destinado a mellorar unha infraestrutura que forma parte do patrimonio natural de Cambre e que é utilizada diariamente por moitos veciños e veciñas. O que estabamos votando era se queriamos ou non que se realizase esta actuación sobre o paseo fluvial", afirmou.
A rexedora considera que o resultado da votación supón "unha mala noticia para Cambre" e lamenta que se deixase escapar unha oportunidade que dificilmente volverá presentarse nas mesmas condicións.
"O Concello de Cambre non ten nestes momentos capacidade administrativa para acometer cos seus propios medios unha actuación desta envergadura. Precisamente por iso este convenio era unha oportunidade excepcional. Permitíanos recuperar xa o río Mero cun investimento de máis de 870.000 euros que non sairía das arcas municipais", sinalou.
Piñeiro incidiu ademais en que, aínda que a competencia corresponda a Augas de Galicia, a realidade é que esa actuación ofrecíaselle neste momento a Cambre.
"Ese investimento podía executarse aquí e agora. Tamén podía destinarse a outros concellos e a outras necesidades. Nós tiñamos enriba da mesa unha oportunidade real para recuperar o río Mero e a maioría da Corporación decidiu dicir que non. Ninguén pode garantir cando volveremos ter unha ocasión semellante", afirmou.
A alcaldesa lembrou que o convenio non só contemplaba a recuperación integral do paseo fluvial, senón tamén a transferencia da súa titularidade ao Concello, o que permitiría a Cambre gañar autonomía para decidir sobre o seu futuro, impulsar novas actuacións, desenvolver novos usos, acceder con máis facilidade a futuras liñas de subvención e planificar investimentos sen as limitacións actuais.
Así mesmo, explicou que o acordo incluía unha achega económica de 45.000 euros para colaborar co Concello mentres non estivese adxudicado un contrato específico de mantemento.
"Coa actuación prevista, o paseo fluvial quedaría recuperado e non sería necesario acometer novas actuacións de importancia durante os vindeiros dous ou tres anos. Ese tempo permitiríanos tramitar con tranquilidade un contrato de mantemento estable. Todo estaba pensado para que a transición se fixese con garantías", explicou.
A rexedora considera que resulta "moi difícil de comprender" que se rexeite unha actuación destas características.
"Todo o que sexa investir, reparar e mellorar o patrimonio natural de Cambre debería contar co apoio de toda a Corporación. Estamos falando dun espazo que sofre un evidente deterioro e que utilizan diariamente centos de veciños e tamén moitas persoas que nos visitan. O Partido Popular puxo enriba da mesa unha oportunidade real para recuperar xa o río Mero e, sinceramente, custa entender que se vote en contra", manifestou.
Piñeiro lembrou ademais que durante anteriores mandatos xa existía un convenio polo que o Concello asumía o mantemento deste espazo recibindo financiamento de Augas de Galicia.
"Por iso resulta aínda máis difícil comprender que Unión por Cambre vote agora en contra dun novo convenio que permitía executar previamente unha actuación integral financiada por Augas de Galicia. A quen beneficia perder unha inversión destas características? Desde logo, aos veciños e veciñas de Cambre non", afirmou.
A pesar do resultado da votación, a alcaldesa asegurou que o Goberno municipal non renuncia ao obxectivo de recuperar o paseo fluvial do río Mero e confirmou que continuará negociando con Augas de Galicia para conseguir todas as actuacións que sexa posible executar no municipio.
"Eu non vou resignarme. Vou seguir chamando ás portas de Augas de Galicia e da Xunta para traer a Cambre todo aquilo que sexa posible conseguir. Evidentemente, o convenio que hoxe se rexeitou permitía unha recuperación integral que era moito máis ambiciosa, pero iso non significa que vaiamos renunciar a mellorar o río Mero. Vou seguir loitando para que se executen todas aquelas actuacións que poidamos traer a Cambre mediante o diálogo e a negociación."
A alcaldesa concluíu reiterando que "o compromiso deste Goberno co río Mero segue intacto".
"Seguirei traballando para conseguir investimentos, melloras e actuacións para o río Mero porque creo que Cambre merece recuperar un dos seus espazos naturais máis importantes. Hoxe perdemos unha gran oportunidade, pero iso non significa que vaiamos deixar de defender os intereses dos veciños e veciñas nin de reclamar todo aquilo que Cambre merece", concluíu.




