● O convenio co Concello de Culleredo permitirá reforzar os servizos ordinarios, a atención de incidencias, o tráfico, as festas e os dispositivos nocturnos durante un ano prorrogable por outro
● A alcaldesa cumpre o compromiso anunciado en maio e dá unha resposta inmediata a unha Policía Local reducida a mínimos
● Os primeiros reforzos estarán xa operativos durante as Festas de Santa María de Cambre para garantir unha maior presenza policial e reforzar os dispositivos de seguridade
A Policía Local de Cambre inicia unha nova etapa coa sinatura do convenio impulsado pola alcaldesa, Diana Piñeiro, que permitirá que 15 funcionarios policiais do Concello de Culleredo poidan prestar servizos de reforzo no municipio. O acordo dá unha resposta inmediata a unha das principais preocupacións da veciñanza e permitirá recuperar presenza policial nas rúas e mellorar a capacidade operativa dun servizo que quedou reducido a mínimos.
O convenio permitirá que Cambre poida complementar o reducido número de axentes propios actualmente dispoñibles cun grupo de profesionais formados, cualificados e con experiencia para reforzar tanto o funcionamento ordinario da Policía Local como os dispositivos extraordinarios que precise o municipio.
Os funcionarios poderán prestar servizo en Cambre de maneira voluntaria, sempre fóra da súa xornada laboral habitual no Concello de Culleredo e logo de manifestaren por escrito a súa conformidade coa designación.
Hoxe cumprimos un dos compromisos máis importantes que asumimos coa veciñanza. En maio dixemos que buscariamos todas as vías legais e administrativas posibles para recuperar a capacidade da Policía Local e non quedamos no anuncio: traballamos, negociamos e conseguimos unha solución concreta para Cambre», sinalou Diana Piñeiro.
A alcaldesa destacou que o acordo responde a unha das preocupacións que máis inquietude xerou entre os veciños e veciñas durante os últimos anos. A falta de axentes limitou a presenza policial nas rúas e dificultou a cobertura continuada das quendas, a atención de incidencias, a regulación do tráfico e a organización dos dispositivos necesarios durante as festas e os eventos multitudinarios.
A situación que o actual Goberno local comeza agora a reverter non se produciu de maneira gradual e uniforme. A perda de efectivos acelerouse e concentrouse especialmente a partir do momento no que quedou cuestionado e deixou de aplicarse o anterior sistema de gratificacións por horas extraordinarias, sen que se articulase entón unha alternativa suficiente para garantir a continuidade do servizo.
A caída de efectivos nun curto período de tempo deixou Cambre cunha capacidade policial claramente insuficiente para un municipio das súas dimensións, cunha importante dispersión territorial e cunha programación constante de actividades, celebracións e eventos. A esta situación sumouse a falta dunha reposición capaz de recuperar o cadro de persoal coa rapidez necesaria.
«Recibimos unha Policía Local reducida a mínimos despois de que o servizo perdese boa parte dos seus efectivos nun curto período de tempo e sen que se deixase preparada unha resposta suficiente. Poderiamos limitarnos a explicar o problema, pero a nosa responsabilidade era resolvelo. Cambre non podía continuar esperando mentres avanzan os procesos necesarios para recuperar o persoal propio», afirmou Piñeiro.
A rexedora xa anunciara publicamente no mes de maio que o Concello estaba traballando nunha fórmula de colaboración coas policías locais da área metropolitana. A sinatura deste convenio converte aquel compromiso nunha medida efectiva e permitirá mellorar de maneira inmediata a capacidade do servizo.
«Non chegamos para administrar a falta de policías, senón para recuperar o servizo. Este convenio demostra que, cando existe vontade, iniciativa e capacidade de diálogo, é posible atopar solucións incluso ante problemas que levaban demasiado tempo sen resposta», engadiu a alcaldesa.
O acordo non estará limitado ás festas patronais ou aos grandes eventos. A planificación inicial combinará reforzos nos servizos ordinarios de luns a venres, tanto na quenda de mañá, entre as 7.00 e as 15.00 horas, como na de tarde, entre as 14.30 e as 22.30 horas, coa realización dalgunhas quendas nocturnas segundo as necesidades operativas do servizo. O obxectivo será dispoñer do número mínimo de efectivos necesario para garantir a prestación policial.
Os funcionarios de Culleredo tamén poderán participar nos dispositivos especiais vinculados ás festas patronais, aos eventos multitudinarios, ás campañas de tráfico ou a outras situacións nas que resulte necesario incrementar a presenza policial. Nestes casos, os reforzos poderán realizarse calquera día da semana e, habitualmente, en horario nocturno, entre as 22.00 e as 8.00 horas.
«Este acordo vainos permitir recuperar presenza policial nas rúas, mellorar a atención das incidencias, reforzar a regulación do tráfico e afrontar con máis garantías as festas, os eventos e os servizos nocturnos. Non é unha medida que vaia quedar nun documento: é unha mellora que a veciñanza poderá comprobar directamente», destacou Diana Piñeiro.
O persoal colaborador desenvolverá as súas funcións baixo as directrices dos mandos e do persoal da Policía Local de Cambre e baixo a superior xefatura da Alcaldía. Cada funcionario poderá realizar un máximo de 40 horas mensuais no municipio, sempre fóra da súa xornada ordinaria no Concello de Culleredo.
A planificación dos reforzos levarase a cabo de maneira coordinada entre as xefaturas das dúas policías locais. O Concello de Cambre comunicará os servizos ordinarios cun mínimo de sete días de antelación e os extraordinarios con polo menos quince días, co obxectivo de que os funcionarios voluntarios poidan organizar a súa participación.
A prestación dos reforzos estará condicionada ás necesidades propias da Policía Local de Culleredo. Os servizos en Cambre realizaranse sempre fóra da xornada habitual dos funcionarios e poderán desenvolverse en horario de mañá, tarde ou noite, de luns a domingo.
O convenio terá unha vixencia inicial dun ano e poderá prorrogarse durante outro ano máis. O reforzo non se concibe, polo tanto, como unha medida puntual para as festas do verán, senón como unha ferramenta estable para recuperar capacidade operativa mentres o Concello continúa traballando na incorporación de novos policías propios e na cobertura definitiva das prazas vacantes.
«Os procedementos para incorporar persoal propio requiren tempo, pero Cambre non podía continuar esperando. Este convenio permítenos actuar de maneira inmediata sen renunciar ao obxectivo principal, que segue sendo reconstruír de forma permanente a nosa Policía Local», explicou Piñeiro.
Cambre poñerá á disposición dos axentes todos os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das funcións encomendadas. Ao inicio de cada quenda, a patrulla de Cambre recollerá os funcionarios na Xefatura da Policía Local de Culleredo e trasladaraos de volta unha vez rematado o servizo.
Diana Piñeiro agradeceu especialmente a disposición institucional do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, para facer posible un acordo que permitirá mellorar a seguridade e a calidade dos servizos públicos en Cambre.
A alcaldesa lembrou que esta cooperación entre os dous municipios non comeza co convenio policial. Desde outubro de 2025, unha técnica de Xestión de Administración Xeral do Concello de Culleredo vén prestando apoio a Cambre nas áreas de Urbanismo e Réxime Interior, especialmente na tramitación de procedementos de selección de persoal.
«Quero agradecer a Rioboo a súa disposición institucional para colaborar con Cambre. Culleredo xa nos presta desde outubro de 2025 un apoio moi importante a través dunha técnica de Xestión de Administración Xeral e agora volve demostrar a súa responsabilidade nun ámbito tan esencial como a seguridade cidadá. Esta é a política útil: administracións que cooperan, comparten recursos e traballan para solucionar os problemas reais da veciñanza», manifestou.
A rexedora fixo extensivo o seu agradecemento aos funcionarios incluídos no convenio pola súa disposición para colaborar con Cambre, así como aos mandos policiais e ao persoal técnico dos dous concellos que participaron na preparación e tramitación do acordo.
«Durante demasiado tempo, Cambre viu como a súa Policía Local quedaba sen capacidade operativa para dar a resposta que merecía a veciñanza. Hoxe damos a volta a esa historia: onde atopamos un servizo reducido a mínimos, poñemos 15 axentes de reforzo; onde faltaba presenza policial, devolvemos policías ás rúas; e onde había unha preocupación, damos unha solución. Cambre levaba demasiado tempo agardando e, por fin, comeza a recuperar a Policía Local que merece», concluíu Diana Piñeiro.




