Cambre abre as inscricións para a XXXIII Carreira Popular
Cambre abre as inscricións para a XXXIII Carreira Popular
Read Time: 4 mins
Cambre abre as inscricións para a XXXIII Carreira Popular, que regresará o 15 de agosto
- A participación será gratuíta e as persoas interesadas poderán anotarse ata o 12 de agosto ás 20.00 horas en carreirasgalegas.com. - A proba, incluída no XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña, contará con percorridos adaptados a todas as idades.
O Concello de Cambre abre o prazo de inscrición para participar na XXXIII Carreira Popular, que se celebrará o vindeiro sábado, 15 de agosto, e que suporá a recuperación dunha das citas deportivas máis emblemáticas e tradicionais do municipio .que non se celebraba desde agosto de 2023.
A proba está organizada polo Concello de Cambre e pola Federación Galega de Atletismo e forma parte do XII Circuíto de Carreiras da Deputación Provincial da Coruña. A súa incorporación ao calendario provincial reforza a relevancia desta convocatoria e permitirá situar novamente a Cambre entre as principais citas populares do atletismo coruñés.
As inscricións son gratuítas para todas as categorías e deberán formalizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com antes das 20.00 horas do mércores 12 de agosto. Non se admitirán inscricións posteriores nin o propio día da competición.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, destacou a importancia de recuperar unha carreira “moi vinculada á identidade de Cambre e cunha gran participación veciñal”. A rexedora sinalou que o regreso da proba representa “un novo paso na recuperación da actividade municipal e na aposta por ofrecer alternativas deportivas e de convivencia para persoas de todas as idades”.
A xornada comezará ás 9.50 horas diante da Casa do Concello coa saída das categorías sub-14, sub-16 e sub-18. Ás 10.00 horas será a quenda das categorías sub-20, sub-23, sénior e máster. As probas das categorías inferiores celebraranse a partir das 11.20 horas, coa saída sub-12, seguida da sub-10 ás 11.30 horas e da categoría mini ás 11.40 horas.
A carreira absoluta terá un percorrido aproximado de 7.300 metros, con saída diante do Concello, baixada ata o río Mero e regreso ao punto de partida. As categorías sub-14, sub-16 e sub-18 completarán un circuíto de 3.500 metros, mentres que as probas das categorías inferiores contarán con distancias adaptadas de entre 180 e 700 metros. A carreira mini terá carácter participativo e non contará con clasificación.
A participación na carreira absoluta estará limitada a 800 deportistas. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría masculina e feminina, agás na categoría mini, na que todas as persoas participantes recibirán un agasallo. Tamén se entregarán premios aos corredores de maior idade que completen a proba absoluta e aos primeiros clasificados, masculino e feminino, vinculados ao Concello de Cambre.
A recollida de dorsais realizarase no pavillón Sofía Toro o venres 14 de agosto, entre as 17.30 e as 21.30 horas, e o propio día da carreira, desde as 8.30 horas. A cronometraxe correrá a cargo da Federación Galega de Atletismo e a proba contará co apoio da Policía Local e de Protección Civil de Cambre, así como con servizos médicos, ambulancia e duchas no pavillón Sofía Toro.
Co regreso da Carreira Popular, o goberno municipal continúa avanzando na recuperación de actividades históricas que contribúen á promoción do deporte, á dinamización social e á participación da veciñanza.