Cambre adxudica a mellora da pista deportiva de Otero Pedraio
Cambre adxudica a mellora da pista deportiva de Otero Pedraio
Read Time: 4 mins
Cambre adxudica a mellora da pista deportiva de Otero Pedraio, no Temple
O goberno de Diana Piñeiro dá un novo paso para recuperar unha instalación moi empregada pola veciñanza, cunha actuación de 55.635 euros centrada na seguridade e na renovación do peche perimetral
O Concello de Cambre vén de aprobar na Xunta de Goberno Local a adxudicación das obras de mellora da pista deportiva situada na rúa Otero Pedraio, no Temple, unha actuación coa que o goberno local continúa avanzando na recuperación das instalacións deportivas municipais.
O contrato foi adxudicado á empresa Covisam Norte S.L. por un importe de 55.635,80 euros, IVE incluído, e permitirá actuar nun espazo que presentaba importantes deficiencias derivadas do paso do tempo, do uso continuado e da falta de mantemento.
A adxudicación prodúcese tras completar todos os trámites establecidos no procedemento de contratación pública. Durante a tramitación, foi necesario continuar o proceso coa seguinte empresa clasificada ao non poder formalizarse a primeira proposta de adxudicación, unha circunstancia que supuxo a ampliación dos prazos inicialmente previstos pero que permitiu seguir avanzando no expediente con todas as garantías legais.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, explicou que "somos conscientes de que á veciñanza lle gustaría que esta actuación estivese xa iniciada, e ese era tamén o noso obxectivo, pero os procedementos administrativos teñen uns pasos e unhas garantías que debemos cumprir. Neste caso foi necesario continuar coa seguinte empresa clasificada, o que alongou os tempos, pero seguimos traballando para que a mellora da pista sexa unha realidade canto antes".
A intervención contempla a substitución do peche perimetral da pista, actuando sobre preto de 130 metros lineais. Instalarase un novo cerramento deportivo con paneis ríxidos reforzados e unha rede cortabalóns superior, ata acadar unha altura total de cinco metros.
Os traballos incluirán tamén a retirada das portas actuais e a colocación dunha nova porta dobre de acceso para vehículos e dunha porta peonil, así como a renovación dos elementos de fixación e seguridade.
Segundo recolle a memoria técnica, a instalación presenta roturas e descolgues na malla superior de contención, corrosión nos paneis e portas metálicas, deformacións, deterioro da parafusaría, oxidación nos ancoraxes e fisuras no muro de apoio. Por este motivo, a actuación non se limita a unha reparación puntual, senón que aposta por unha solución máis duradeira e segura.
O proxecto inclúe tamén a reparación do muro perimetral, coa mellora das zonas deterioradas e a execución dunha nova viga de coroación para reforzar a estrutura e garantir a estabilidade do novo cerramento. Ademais, procederase ao reposicionamento do cadro de alumeado nunha zona máis protexida.
A alcaldesa destacou que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local coa mellora das instalacións municipais. "Hai instalacións que precisaban actuacións desde hai tempo. Estamos traballando para recuperar estes espazos, mellorar o seu mantemento e ofrecer á veciñanza instalacións máis seguras e en mellores condicións", sinalou Piñeiro.
O prazo previsto de execución dos traballos é de seis semanas. Coa súa realización, o Concello busca eliminar as deficiencias actuais, mellorar a seguridade dos usuarios e prolongar a vida útil dunha pista deportiva de uso libre situada nunha das zonas con maior actividade do Temple.
Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.