Cambre aproba o expediente de contratación dos campamentos de verán

O Goberno municipal de Cambre aprobou, na Xunta de Goberno Local, o expediente de contratación do servizo de organización dos campamentos de verán para os anos 2026 e 2027.


O acordo inclúe tamén a aprobación dos pregos que rexerán o contrato e a apertura do procedemento de licitación. O contrato contará cun investimento total de 182.042,36 euros (IVE incluído), distribuirase en tres lotes, terá unha duración de dous anos e poderá prorrogarse durante unha anualidade máis.

O contrato estrutúrase en tres lotes diferenciados para adaptar a programación ás distintas idades dos participantes. O primeiro corresponde a un campamento de seis días dirixido a nenos e nenas de entre 9 e 12 anos. O segundo contempla un campamento de doce días destinado a mozos e mozas de entre 13 e 17 anos.

Finalmente, o terceiro inclúe unha acampada de dous días e unha noite en Guitiriz para nenos e nenas de 7 e 8 anos. Esta distribución permitirá ofrecer unha programación específica para cada grupo de idade e modalidade de actividade.

A través deste contrato desenvolverase o programa municipal "O verán xa está aquí", unha iniciativa destinada á infancia e á mocidade de Cambre que ten como finalidade proporcionar unha educación integral a través do lecer, da convivencia e da realización de actividades.

Entre os seus obxectivos atópanse fomentar os valores cívicos, promover a autonomía persoal, impulsar hábitos de vida saudables, favorecer a aprendizaxe mediante o ocio e reforzar o respecto polo medio natural.

A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, destacou que "os campamentos municipais constitúen unha iniciativa moi importante para a infancia, a mocidade e as familias de Cambre. Con esta aprobación seguimos avanzando na tramitación necesaria para facer posible unha programación de verán de calidade, con actividades adaptadas ás distintas idades e centradas na educación en valores, na convivencia e no lecer".

Coa aprobación do expediente, dos pregos e da apertura do procedemento de licitación, o Concello continúa coa tramitación administrativa necesaria para a contratación deste servizo municipal, de acordo co establecido na documentación aprobada pola Xunta de Goberno Local.

 

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login