Cambre celebrará as Letras Galegas cunha fin de semana de música, cultura e homenaxe a Begoña Caamaño

  • O sábado 16 de maio a Pista do Souto, en Sigrás, acollerá o concerto “Compañeira/o sei cantare”, organizado por Sementeira de Cambre e subvencionado polo Concello.
  • Vila Concepción será escenario o domingo 17 de maio do acto institucional das Letras Galegas en homenaxe a Begoña Caamaño, con lectura da súa obra, música e a proxección dun documental sobre a súa vida e traxectoria.
  • A alcaldesa, Diana Piñeiro, destaca a importancia de promover actividades culturais que “manteñan viva a nosa identidade e acheguen ás novas xeracións o valor da lingua e das tradicións galegas”.

O Concello de Cambre celebrará durante a próxima fin de semana unha programación cultural con motivo do Día das Letras Galegas 2026, dedicado nesta edición á escritora e xornalista Begoña Caamaño, referente da literatura galega contemporánea e da defensa da lingua, da igualdade e da identidade cultural galega.

As actividades arrancarán o sábado 16 de maio ás 12:00 horas coa celebración do tradicional concerto das Letras Galegas organizado por Sementeira de Cambre e subvencionado polo Concello na Pista do Souto, en Sigrás. No evento participarán as dúas formacións principais da entidade: a Banda de Música e o Grupo de Instrumentos Tradicionais. Baixo o título “Compañeira/o sei cantare”

As crianzas da vila terán tamén un papel protagonista nesta cita cultural. Os centros educativos Gonzalo Torrente Ballester e Portofaro sumaranse á actuación a través dun gran coro colectivo que interpretará pezas do repertorio tradicional galego específico para a rapazada. Nel tamén estará presente o alumnado da escola Sementeira e da agrupación Aires de Sigrás, acompañados pola banda de música e polo grupo de instrumentos tradicionais.

A iniciativa conta ademais coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

Xa o domingo 17 de maio desenvolverase o acto institucional do Día das Letras Galegas, que terá lugar ás 11:30 horas en Vila Concepción. A homenaxe a Begoña Caamaño incluirá lectura da súa obra, acompañamento musical e a proxección do documental sobre a súa vida e traxectoria elaborado pola Real Academia Galega.

O acto institucional servirá tamén para lembrar a traxectoria literaria e o compromiso cultural e social dunha das voces máis destacadas da literatura galega contemporánea.

“É importante seguir promovendo actividades que manteñan viva a nosa lingua e acheguen a cultura galega ás novas xeracións”, sinalou a alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro.

Desde o Concello animan á cidadanía a participar nesta programación especial para “celebrar o orgullo da nosa lingua, da nosa música e da nosa cultura”.


 

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login

We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.