O Concello de Cambre vén de recibir o informe favorable da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo que avala a aplicación do artigo 76 da Lei 5/2024 para permitir o cambio de uso de locais comerciais a vivendas na Barcala, sempre cumprindo os requisitos urbanísticos e de habitabilidade establecidos pola normat iva vixente.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, destacou que esta resolución permitirá “dar saída a numerosos baixos comerciais actualmente baleiros e facilitar novas alternativas residenciais nun contexto marcado pola falta de vivenda e polos elevados prezos do alugueiro”.
Eugenio, portavoz e representante dos propietarios implicados, explica que comezou coas xestións hai aproximadamente ano e medio e asegura que durante o anterior mandato municipal atopou unha “negativa total” e un “muro de formigón” para abordar esta problemática.
“Dixéronme directamente que non se ía facer nada”, afirma Eugenio, que destaca que co actual goberno municipal “o enfoque foi completamente distinto”. “Pasamos do non por resposta a sentarnos nunha mesa para buscar unha solución legal e viable”, engade.
Segundo relata, a alcaldesa Diana Piñeiro mostrou desde o primeiro momento disposición para estudar a situación e buscar unha solución xunto aos servizos técnicos e xurídicos municipais. O Concello elevou unha consulta formal á Xunta para contar co respaldo xurídico necesario antes de autorizar os cambios de uso.
O pasado luns celebrouse unha reunión informativa con propietarios da Barcala na que Eugenio actuou como portavoz dos asistentes e explicou os pasos necesarios para iniciar as solicitudes.
Segundo trasladan os propios propietarios, esta medida permitirá recuperar locais sen actividade e transformalos en futuras vivendas adaptadas á normativa vixente.
Desde o Concello sublíñase que os cambios de uso non serán automáticos e que cada propietario deberá presentar un proxecto técnico redactado por un arquitecto e solicitar a correspondente licenza municipal.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, insistiu tamén na importancia de que todas as actuacións se realicen dentro da legalidade e cumprindo estritamente os requisitos técnicos e urbanísticos, co obxectivo de garantir vivendas dignas, seguras e adaptadas á normativa vixente.




