Cambre impulsa novos procesos de reforzo e estabilidade para os Servizos Sociais municipais

O Concello de Cambre continúa avanzando no fortalecemento dos Servizos Sociais municipais mediante distintas actuacións orientadas a reforzar a estrutura do departamento, mellorar a súa capacidade de resposta e garantir a continuidade da atención á veciñanza.

Neste marco, o próximo 16 de xuño celebrarase o exame correspondente á lista de educadores sociais, mentres que o proceso para a constitución da lista de traballadores sociais está previsto para as primeiras semanas do mes de xullo. A creación destas listas permitirá ao Concello contar con profesionais dispoñibles para responder con maior rapidez ás necesidades de cobertura que se produzan no departamento, xa sexa por baixas, vacantes ou outras circunstancias que requiran reforzar temporalmente os Servizos Sociais municipais.

Paralelamente, o goberno local prevé impulsar a elaboración das bases que permitan regular e cubrir as funcións de coordinación dos Servizos Sociais municipais. O obxectivo desta medida é reforzar a estrutura organizativa do departamento e evitar que situacións derivadas de vacantes, baixas ou cambios de persoal poidan afectar ao normal funcionamento dun servizo esencial para o municipio.

A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, destacou que "os Servizos Sociais constitúen unha prioridade para este goberno e por iso estamos impulsando medidas que permitan fortalecer tanto o persoal como a organización interna da área".

A rexedora sinalou ademais que "queremos dotar ao departamento dunha maior estabilidade e capacidade de resposta, planificando solucións que permitan afrontar con garantías as necesidades presentes e futuras do servizo".

Dentro desta estratexia de reforzo, o Concello manterá o vindeiro 18 de xuño unha reunión de seguimento coa empresa responsable da prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), na que participarán representantes municipais e responsables da entidade concesionaria. O encontro permitirá analizar a situación actual do servizo, avaliar as necesidades existentes e continuar avanzando en medidas orientadas á súa mellora e correcta prestación.

Estas actuacións enmárcanse nun proceso máis amplo de fortalecemento dos Servizos Sociais municipais e responden a unha situación organizativa e de persoal que se vén arrastrando desde hai anos. De feito, a propia Inspección de Servizos Sociais da Xunta de Galicia advertía xa nun informe realizado en 2023 da necesidade de reforzar e estabilizar determinados recursos humanos da área, avanzar na cobertura efectiva dos recursos destinados aos servizos sociais comunitarios e adoptar medidas organizativas que garantisen a correcta prestación dos servizos.

Piñeiro subliñou que "a situación actual non xorde da noite para a mañá, senón que responde a necesidades estruturais que levan anos acumulándose e que xa foran advertidas pola propia Inspección de Servizos Sociais da Xunta. O noso obxectivo é reverter progresivamente esa situación e dotar aos Servizos Sociais da estabilidade, da organización e dos recursos que require a atención á cidadanía".

Neste sentido, o Concello considera prioritario continuar avanzando na mellora da organización interna do departamento, na cobertura das necesidades de persoal e na consolidación dunha estrutura que permita ofrecer unha atención de calidade á veciñanza de Cambre.

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login