Cambre incrementa máis dun 25% o investimento municipal tras reducir máis dun 50% o gasto en salarios políticos
Cambre incrementa máis dun 25% o investimento municipal tras reducir máis dun 50% o gasto en salarios políticos
Read Time: 2 mins
O Concello de Cambre reforza servizos, mellora infraestruturas e reduce á metade o gasto político respecto ao anterior mandato.
- Diana Piñeiro aposta polo diálogo e a participación para sacar adiante uns orzamentos de consenso. - O borrador xa foi entregado esta semana aos grupos, que poderán presentar achegas tras a Semana Santa.
O Concello de Cambre vén de presentar un orzamento municipal marcado polo reforzo dos servizos públicos, o incremento do investimento e unha clara aposta pola mellora da calidade de vida da veciñanza.
Un dos eixos principais destas contas é o aumento do investimento municipal, que medra en máis dun 25% respecto a anos anteriores. Este incremento destinarase fundamentalmente á mellora e pavimentación de rúas, á rehabilitación de parques infantís e á adecuación de centros sociais e culturais.
Neste sentido, o goberno local prioriza a recuperación e posta a punto das infraestruturas xa existentes, afastándose de grandes proxectos alleos ás necesidades reais da cidadanía. Entre as actuacións previstas destaca o cubrimento do parque infantil de Manuel Lugrís e tamén do parque infantil da Barcala.
A modernización da administración é outro dos obxectivos clave, coa aposta pola dixitalización dos servizos municipais para facilitar a relación da veciñanza co Concello e facer máis áxil e accesible a atención ao público.
No ámbito social e comunitario, o orzamento recupera a partida destinada ás actividades da terceira idade e reforza as destinadas á promoción do deporte, da cultura e da propia imaxe de Cambre, coa previsión de máis eventos, festivais e iniciativas de dinamización local.
Ademais, prevese un incremento da plantilla municipal co obxectivo de mellorar e axilizar a atención á cidadanía, garantindo un servizo público máis eficiente.
Todo este reforzo dos servizos vai acompañado dunha redución significativa do gasto político. O actual goberno municipal reduciu en máis dun 50% o custo dos órganos de goberno respecto ao anterior mandato, pasando de 264.000 euros a 124.000 euros.
En paralelo, a alcaldesa, Diana Piñeiro, está a liderar o proceso de diálogo cos grupos da corporación para avanzar cara á aprobación definitiva dos orzamentos.
Durante esta semana fíxose entrega aos grupos municipais dun primeiro borrador das contas, dando inicio a unha fase de traballo conxunto.
Ábrese así unha fase na que os grupos poderán analizar o documento, formular propostas e introducir modificacións co obxectivo de mellorar o texto inicial.
Diana Piñeiro destacou que este proceso responde a unha clara vontade de acordo, establecendo como prazo a Semana Santa para o estudo do borrador e retomando as reunións tras esas datas para avanzar na súa aprobación.
“O compromiso deste goberno é claro: fomentar o diálogo, escoitar aos grupos e incorporar as achegas que permitan construír uns orzamentos útiles e beneficiosos para todos os veciños e veciñas de Cambre”, sinalou a rexedora.