Cambre recibe a seis nenos e nenas saharauís participantes no programa Vacacións en Paz
Cambre recibe a seis nenos e nenas saharauís participantes no programa Vacacións en Paz
Read Time: 3 mins
● Os menores chegaron o 7 de xullo e permanecerán ata o 7 de setembro acollidos por catro familias do municipio. ● A alcaldesa, Diana Piñeiro, agradeceu a solidariedade e o compromiso das familias acolledoras. ● As familias interesadas poderán informarse para participar como acolledoras en futuras edicións.
O Concello de Cambre recibiu este mércores a seis nenos e nenas saharauís que pasan o verán no municipio no marco do programa «Vacacións en Paz». Os menores, acollidos por catro familias de Cambre, visitaron a casa consistorial e coñeceron as instalacións municipais.
Os seis nenos e nenas chegaron o pasado 7 de xullo e permanecerán coas súas familias acolledoras ata o 7 de setembro. Durante estes dous meses poderán coñecer a realidade social e cultural galega, participar en actividades de lecer e convivencia e recibir atención médica e unha alimentación adecuada.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, deulles a benvida ao municipio e agradeceu a implicación das catro familias participantes. Piñeiro destacou a solidariedade, a xenerosidade e o compromiso das persoas acolledoras, que fan posible que os menores vivan unha experiencia humana e culturalmente enriquecedora.
«Vacacións en Paz» é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto que en Galicia desenvolve Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, SOGAPS, por petición expresa do Goberno da República Árabe Saharauí Democrática.
Galicia participa nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que os seus fillos e fillas pasen unha estancia agradable, humana e culturalmente rica baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas. O programa desenvólvese grazas á colaboración económica da Xunta de Galicia e ao apoio dos concellos.
Os menores proceden dos campamentos de persoas refuxiadas saharauís situados na zona da Hamada alxeriana, en Tinduf. A poboación saharauí vive desde hai décadas nunhas condicións especialmente difíciles e depende, en boa medida, da axuda internacional.
Entre os obxectivos do programa atópanse facilitar asistencia médica e alimentación, ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre, favorecer a aprendizaxe do castelán e do galego e promover entre a sociedade galega os valores da tolerancia e da solidariedade.
A iniciativa permite tamén evitar que os nenos e nenas permanezan nos campamentos durante os meses de xullo e agosto, cando as temperaturas poden superar os 50 graos. Ademais, busca dar visibilidade á situación do pobo saharauí e contribuír á comunicación e ao entendemento entre a sociedade galega e o pobo saharauí.
As familias interesadas en participar como acolledoras en futuras edicións poden contactar con SOGAPS para solicitar información sobre o programa e o proceso de incorporación. A entidade require unha especial sensibilización coa causa do Sáhara Occidental e a asistencia obrigatoria a unhas xornadas formativas.
O proceso inclúe tamén unha entrevista de valoración coa traballadora social da asociación, a presentación da documentación requirida e o compromiso de colaborar nas actividades de sensibilización e financiamento dos programas solidarios promovidos pola entidade.
Nos campamentos de Tinduf organízanse igualmente xornadas formativas para as familias biolóxicas dos menores, co obxectivo de explicarlles a realidade cultural, económica e social de Galicia e preparar os nenos e nenas para a súa integración temporal na familia acolledora e na contorna.
O Concello de Cambre trasladou o seu apoio á iniciativa, ao traballo desenvolvido por SOGAPS e ás catro familias do municipio que participan nesta edición acollendo os seis nenos e nenas saharauís, e anima ás familias cambresas a coñecer o programa e valorar a súa participación en próximas convocatorias.