Cambre reforza a accesibilidade coa creación e renovación de prazas PMR

  • O Goberno municipal reubicou dúas prazas PMR, habilitou outras dúas novas en O Temple e prevé crear tres máis nas próximas semanas.

  • As actuacións inclúen tamén a creación dunha nova zona de estacionamento para motos e ciclomotores na Praza José Luís Caso Cortines.

Nas últimas semanas, o Concello de Cambre vén desenvolvendo diferentes actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria no municipio mediante a creación de novas prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR), a reubicación doutras xa existentes e a renovación da súa sinalización horizontal.

Os traballos realizados permitiron a reubicación de dúas prazas PMR na rúa A Castellana, en Cambre, así como a creación de dúas novas reservas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida en O Temple, concretamente nas rúas Otero Pedrayo e Constitución.

Ademais, o Concello prevé habilitar proximamente outras tres novas prazas PMR xunto á Biblioteca Municipal Central María Pita, fronte ao Centro de Saúde de Cambre e diante da Biblioteca Municipal Os Templarios, co obxectivo de facilitar o acceso a servizos públicos de uso frecuente por parte da veciñanza.

De forma complementaria, tamén se habilitou unha nova zona de estacionamento para motos e ciclomotores no vial da Praza José Luís Caso Cortines, en O Temple, contribuíndo a unha mellor organización dos espazos de estacionamento e da mobilidade nesta contorna.

Estas actuacións forman parte das tarefas de mantemento e mellora do espazo público que impulsa o Concello, contribuíndo a facilitar a mobilidade das persoas con maiores dificultades de desprazamento e a reforzar a accesibilidade nos diferentes núcleos do municipio.

“Queremos un Cambre máis accesible para todas as persoas e seguiremos impulsando actuacións que melloren a mobilidade e a calidade de vida da veciñanza”, sinala a alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro.

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login