Cambre traslada á Deputación unha proposta da Policía Local para restrinxir o tráfico pesado na estrada da Estación

O informe propón limitar o paso de vehículos de máis de 10 toneladas e 10 metros de lonxitude na DP-1702 e establecer un itinerario alternativo pola AC-214 e a AC-213.

O Concello de Cambre vén de trasladar á Deputación da Coruña unha proposta elaborada pola Policía Local para mellorar a circulación na estrada da Estación (DP-1702) mediante a restrición do paso de determinados vehículos pesados.

A iniciativa recóllese nun informe técnico no que se analizan as características desta vía e as dificultades que presenta para a circulación de vehículos de grandes dimensións. O documento sinala a existencia dun tramo de aproximadamente un quilómetro no que a estrada presenta unha anchura reducida, carece de liña divisoria de carrís e conta con árbores situadas moi próximas á calzada.

Segundo recolle o informe, estas circunstancias provocan dificultades nos cruzamentos entre vehículos de gran tamaño, especialmente tendo en conta o tránsito habitual deste tipo de tráfico pola vía.

Co obxectivo de mellorar a seguridade e a fluidez da circulación, a proposta contempla a prohibición do paso de vehículos de máis de 10 toneladas de masa máxima autorizada e daqueles que superen os 10 metros de lonxitude. A medida non afectaría ao transporte público regular de viaxeiros nin ao transporte escolar.

O documento tamén recolle a instalación de sinalización informativa nos accesos á estrada para advertir das restricións propostas e facilitar itinerarios alternativos aos condutores afectados. Neste sentido, a proposta establece un percorrido alternativo a través da AC-214 e da AC-213.

A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, puxo en valor o traballo desenvolvido pola Policía Local na elaboración desta proposta técnica, froito da análise das características da vía e da procura de solucións que contribúan a mellorar a seguridade viaria e a circulación.

Ao tratarse dunha estrada de titularidade provincial, corresponderá agora á Deputación da Coruña analizar a proposta e determinar a viabilidade das medidas plantexadas.

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login