Diana Piñeiro impulsa a Batalla de Bandas do Rock in Cambre 2026

- A selección das cinco bandas definirase con propostas consensuadas co sector.
- O evento celebrarase previsiblemente na segunda quincena de xullo, tras a aprobación das bases no pleno de abril.

O Concello de Cambre avanza na organización da Batalla de Bandas do Rock in Cambre 2026, que previsiblemente se celebrará na segunda quincena do mes de xullo.

Segundo a información trasladada tras a reunión mantida o pasado luns 23, a Asociación Musicambre convocou un encontro este sábado 28 de marzo, ás 17:00 horas, no CSC do Graxal. O obxectivo desta reunión é recompilar propostas sobre os criterios de selección das cinco bandas locais que participarán no evento, que posteriormente serán avaliadas polo departamento de Cultura en función da súa viabilidade.

A alcaldesa, Diana, destacou a importancia de contar coa participación do tecido musical local na definición do proceso, sinalando que “queremos que esta Batalla de Bandas sexa tamén un espazo de impulso para os grupos de Cambre e que as bases recollan criterios consensuados e transparentes”.

Estes criterios formarán parte das bases reguladoras que se someterán á aprobación no pleno ordinario do mes de abril. No caso de seren aprobadas na sesión prevista para o 30 de abril, procederase á súa exposición pública e á tramitación administrativa correspondente, un proceso que se estima rematará na primeira semana de xullo.

Unha vez completados estes trámites, abrirase un prazo de cinco días para a inscrición das bandas interesadas.

De cumprirse esta planificación, a Batalla de Bandas tería lugar na segunda quincena de xullo, se ben a data definitiva confirmarase unha vez fixado o período de inscrición. Dende a organización recoméndase aos grupos interesados ter en conta estes prazos á hora de planificar o seu calendario de actuacións.

O Concello continuará informando a medida que se completen as distintas fases do proceso.

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login