Diana Piñeiro impulsa a chegada do CIM Móbil a Cambre para reforzar a atención ás mulleres
Diana Piñeiro impulsa a chegada do CIM Móbil a Cambre para reforzar a atención ás mulleres
Read Time: 3 mins
O Concello de Cambre informa de que o servizo do CIM Móbil da Xunta de Galicia está activo no municipio, unha iniciativa impulsada a través do traballo de colaboración institucional promovido polo Goberno local co obxectivo de ampliar os recursos de apoio e atención dispoñibles para as mulleres.
O CIM Móbil é un recurso especializado que ofrece información, asesoramento, atención, orientación e acompañamento psicolóxico, social e xurídico en materia de violencia contra as mulleres.
O servizo está dirixido ás mulleres que precisen apoio ou información, así como a calquera persoa en asuntos relacionados coa información, a atención e a prevención da violencia de xénero.
O equipo do CIM Móbil está integrado por unha traballadora social, unha psicóloga e unha asesora xurídica que ofrecen información, asesoramento e atención especializada, especialmente ante posibles situacións de violencia de xénero.
Entre os servizos que presta atópanse o asesoramento xurídico, a atención psicolóxica, a orientación social ás mulleres vítimas de calquera forma de violencia de xénero e a información sobre os recursos e servizos de apoio dispoñibles, facilitando o acceso aos correspondentes recursos de protección e asistencia.
Ademais da atención directa ás persoas usuarias, o CIM Móbil desenvolve actuacións de sensibilización e prevención da violencia de xénero, promovendo a erradicación dos roles e estereotipos que están na base das distintas formas de violencia contra as mulleres.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, destacou a importancia de continuar fortalecendo a colaboración entre administracións para achegar ao municipio servizos especializados que permitan ampliar os recursos dispoñibles para a veciñanza e mellorar a atención ás mulleres que o precisen.
O acceso ao CIM Móbil realízase a través de Servizos Sociais mediante cita. Deste xeito, garántese unha atención especializada, individualizada e confidencial ás persoas usuarias.
Coa posta en marcha deste recurso no municipio, as persoas que poidan precisar información, orientación ou apoio poden obter máis información a través de Servizos Sociais sobre o seu acceso e funcionamento.