Diana Piñeiro reivindica o recurso do Concello para esclarecer unha década de contratacións verbais e máis de 14,5 millóns de euros de fondos públicos
Diana Piñeiro reivindica o recurso do Concello para esclarecer unha década de contratacións verbais e máis de 14,5 millóns de euros de fondos públicos
Read Time: 9 mins
A alcaldesa lembra que o procedemento continúa aberto tras o recurso presentado polo Concello e que será agora a Audiencia Provincial quen valore os argumentos e a documentación incorporada á causa
- A rexedora destaca que a actuación municipal responde á obriga de defender os intereses da institución e dos veciños e lembra que o recurso non supón ningún custo adicional para as arcas municipais
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, defendeu a decisión do Concello de recorrer o auto de sobresemento provisional relativo á investigación sobre a contratación municipal durante o anterior mandato ao considerar que a Audiencia Provincial debe valorar unha documentación que, segundo o recurso presentado pola institución, describe unha situación prolongada durante anos na contratación de servizos esenciais e que supuxo máis de 14,5 millóns de euros abonados á marxe do procedemento legalmente establecido.
“Estamos a falar dunha causa que analiza unha década de contratacións municipais e máis de 14,5 millóns de euros de fondos públicos. Cando entendemos que existen argumentos xurídicos e documentación que deben ser valorados pola Audiencia Provincial, a nosa obriga é actuar, esgotar todas as vías legais ao noso alcance e defender os intereses do Concello e dos veciños de Cambre”, afirma a alcaldesa.
Piñeiro lembra que o procedemento non rematou e que o arquivo acordado polo Xulgado foi recorrido polo Concello, polo que será agora a Audiencia Provincial quen deba pronunciarse sobre os argumentos e a documentación achegada.
“A nosa obriga é defender os intereses do Concello e dos veciños. Cando existe a posibilidade legal de que unha instancia superior valore os feitos e a documentación existente, o responsable é exercer ese dereito e defender a posición da institución”, afirma.
A alcaldesa considera necesario aclarar algunhas cuestións que quedaron fóra do debate público nos últimos días.
Neste sentido, lembra que o propio recurso presentado polo Concello sostén que non se trata dunha incidencia administrativa puntual, senón dunha situación que afectou durante case unha década á contratación de servizos municipais esenciais como o abastecemento de auga, a limpeza viaria, a iluminación pública, o mantemento de zonas verdes, as actividades socioculturais ou os servizos deportivos.
Segundo recolle o recurso, durante ese período abonáronse máis de 14,5 millóns de euros por servizos básicos municipais mantidos mediante contratacións verbais e fóra do procedemento ordinario de contratación pública.
O recurso presentado polo Concello sostén ademais que non existiu unha verdadeira vontade de regularización da situación, senón que en numerosos casos se produciron actuacións destinadas a crear unha aparencia de actividade administrativa sen chegar a culminar os procedementos correspondentes. Segundo recolle o escrito remitido á Audiencia Provincial, abríronse expedientes de contratación que posteriormente quedaron paralizados ou foron arquivados polos propios responsables políticos, o que leva á institución municipal a discrepar da interpretación de que a situación poida explicarse unicamente por unha suposta falta de persoal.
Neste sentido, o recurso cuestiona expresamente que durante anos se mantivese unha contratación verbal en servizos esenciais mentres, ao mesmo tempo, se tramitaban centos de contratos noutras áreas municipais, defendendo que a Audiencia Provincial debe valorar a totalidade da documentación incorporada á causa antes de dar por concluída a investigación.
A este respecto, Piñeiro lembra tamén que a propia denuncia interposta polo Fiscal Xefe Provincial da Coruña recolle que existían “indicios suficientes de infracción penal” para solicitar a apertura dun procedemento xudicial e sinala expresamente ao exalcalde como “máximo responsable da forma de levar a contratación no Concello” durante o período investigado.
“Estamos a falar dunha denuncia presentada polo Fiscal Xefe Provincial tras valorar a documentación remitida ao Ministerio Fiscal. Non estamos ante unha opinión política nin ante unha iniciativa partidista”, subliña.
A este respecto, a alcaldesa lembra tamén que o recurso non se limita á actuación do exalcalde. O escrito presentado polo Concello solicita igualmente que a Audiencia Provincial valore a ampliación da investigación a María Dolores Pan Lesta, ao considerar que determinados feitos recollidos na documentación da causa tamén deben ser obxecto de análise xudicial.
Entre outros aspectos, o recurso fai referencia á paralización e arquivo de expedientes de contratación, así como á cancelación de actuacións que, segundo sostén a representación xurídica do Concello, impediron avanzar na regularización dalgúns servizos municipais. En concreto, o recurso sinala que determinados expedientes chegaron a completarse tecnicamente sen que posteriormente culminase a súa tramitación administrativa.
Por este motivo, a representación xurídica da institución considera que existen elementos suficientes para que estes feitos sexan igualmente valorados pola Audiencia Provincial.
Fronte ás afirmacións realizadas nos últimos días sobre a orixe deste procedemento, a alcaldesa lembra que a situación foi posta en coñecemento do Ministerio Fiscal pola interventora titular do Concello no exercicio das súas obrigas legais de control e fiscalización.
Piñeiro subliña que a interventora actuou conforme ás responsabilidades inherentes ao seu cargo ao trasladar ao órgano competente unha situación que considerou merecedora de valoración xurídica.
A este respecto, a rexedora lembra que foi posteriormente o Ministerio Fiscal quen valorou a documentación remitida e que finalmente foi o propio Fiscal Xefe Provincial da Coruña quen decidiu interpoñer a correspondente denuncia xudicial.
“Estamos a falar dunha denuncia presentada polo Fiscal Xefe Provincial. Non dunha decisión política, non dunha iniciativa partidista e non dunha actuación persoal de ninguén. A documentación foi remitida ao Ministerio Fiscal para a súa valoración e foi o propio Fiscal Xefe quen decidiu presentar a denuncia”, subliña.
Neste sentido, Piñeiro trasladou o seu respaldo ao traballo desenvolvido pola interventora titular e polo persoal municipal que exerce funcións de control.
“As empregadas públicas teñen a obriga legal de actuar cando detectan situacións que consideran relevantes no exercicio das súas funcións. Cumprir coa lei e coas responsabilidades inherentes ao cargo nunca pode ser motivo de crítica. Fixeron exactamente o que lles correspondía facer”, afirma.
A rexedora tamén quixo subliñar que a defensa dos intereses municipais neste procedemento non responde a unha decisión persoal, senón a unha actuación institucional avalada polos mecanismos democráticos do Concello.
“A personación do Concello e a contratación da defensa xurídica correspondente foron sometidas aos órganos municipais competentes. Non estamos ante unha iniciativa individual nin partidista. Estamos ante unha decisión institucional adoptada para defender os intereses do Concello de Cambre e da súa veciñanza”, destaca.
Piñeiro agradeceu tamén o respaldo daqueles membros da Corporación que apoiaron que o Concello estivese presente no procedemento para coñecer de primeira man o seu desenvolvemento, exercer a defensa dos intereses municipais e garantir que a institución contase con representación propia durante toda a tramitación da causa.
Fronte ás afirmacións realizadas sobre o suposto custo económico do recurso, o Goberno municipal aclara que a súa presentación non supón ningún gasto adicional para as arcas municipais.
A interposición do recurso atópase expresamente incluída dentro dos servizos de representación e defensa xurídica xa contratados polo Concello para este procedemento, polo que non xera ningún custo engadido para os veciños de Cambre.
“Os veciños deben saber que recorrer esta resolución non supón gastar nin un euro máis dos seus impostos. A defensa xurídica do Concello neste procedemento xa estaba contratada e contempla expresamente as actuacións necesarias para a defensa dos intereses municipais, incluída a interposición dos recursos que resulten procedentes”, explica.
A alcaldesa conclúe sinalando que o Goberno municipal seguirá actuando con responsabilidade institucional, transparencia e firmeza na defensa dos intereses públicos.
“Os veciños teñen dereito a coñecer a verdade, a que se esclarezan os feitos e a que o Concello defenda ata o final os seus intereses. A nosa obriga non é protexer a ningún exgoberno nin a ningún exalcalde. A nosa obriga é protexer ao Concello de Cambre, aos seus recursos públicos e aos veciños que os sosteñen cos seus impostos. E iso é exactamente o que estamos facendo”.
Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.