- O goberno local vincula a subida das subvencións á aprobación do novo orzamento municipal
- O executivo de Diana Piñeiro reivindica “un cambio de rumbo” na política de apoio ao tecido asociativo
O goberno de Diana Piñeiro levará ao pleno municipal unha modificación do Plan Estratéxico de Subvencións 2024-2027 para incorporar unha subida de entre o 12% e o 20% nas distintas liñas de axuda destinadas ao tecido asociativo de Cambre.
A medida irá ligada á aprobación dos novos orzamentos municipais, nos que o executivo local xa incorpora este incremento das subvencións para asociacións culturais, deportivas e sociais, clubs, comisións de festas, entidades veciñais e ANPAS. Dende o goberno municipal subliñan que ambas iniciativas forman parte dunha mesma aposta política para reforzar o apoio económico ás entidades do municipio.
O goberno local defende que esta actualización das contías busca compensar a situación que atravesaron as asociacións durante os últimos anos, marcados pola ausencia de convocatorias, os retrasos administrativos e a falta de estabilidade nas subvencións municipais durante o anterior mandato. O executivo considera que esta situación provocou importantes dificultades económicas e organizativas para numerosos colectivos de Cambre.
Dende o goberno local destacan que a medida forma parte “dunha nova forma de xestión” centrada en recuperar a estabilidade das subvencións municipais e reforzar a colaboración co tecido asociativo do municipio.
Diana Piñeiro asegurou que o obxectivo do executivo é “recuperar o apoio ás asociacións e garantir que os colectivos de Cambre teñan máis respaldo e máis estabilidade para desenvolver a súa actividade”.
A previsión do goberno é que tanto a modificación do plan como os novos orzamentos municipais poidan ir ao pleno ordinario de maio, aínda que non se descarta a convocatoria dun pleno extraordinario durante a primeira semana de xuño.




