Diana Piñeiro impulsa a transformación do apeadoiro de Cecebre coa súa reurbanización integral

  • A actuación conta cun investimento de máis de 381.000 euros para mellorar a accesibilidade, a mobilidade e a calidade urbana da contorna
  • A intervención permitirá conectar de forma accesible o apeadoiro co centro social e as instalacións deportivas, reforzando os servizos para a veciñanza

O Concello de Cambre vén de adxudicar, o 14 de abril, a obra de ordenación e urbanización do espazo público no entorno do apeadoiro de Cecebre á empresa Excavaciones y Canalizaciones Conde, S.L.

O contrato foi adxudicado por un importe de 299.182,57 euros, que ascende a 362.010,91 euros co IVE incluído, cun prazo de execución estimado de seis meses.

O proxecto permitirá a reordenación integral do espazo público, priorizando os itinerarios peonís e a eliminación de barreiras arquitectónicas.

A intervención inclúe a execución dunha plataforma única de uso mixto con prioridade peonil na contorna do apeadoiro, así como a mellora dos firmes de calzada e beirarrúas e a creación de prazas de estacionamento accesibles. Tamén se acometerá a renovación dos pavimentos e a reorganización da sección viaria para optimizar o uso do espazo.

No ámbito das infraestruturas, o proxecto contempla a execución dunha rede separativa de saneamento e augas pluviais, mediante colectores de PVC, así como a renovación da rede de abastecemento. Ademais, levarase a cabo a canalización soterrada das instalacións de alumeado e telecomunicacións.

A actuación inclúe igualmente a dotación de mobiliario urbano, a plantación de arborado e o tratamento dos noiros, co obxectivo de mellorar a integración paisaxística e funcional do entorno.

Estas obras permitirán mellorar a conexión peonil entre o apeadoiro, o centro social e as instalacións deportivas de Cecebre, resolvendo as deficiencias existentes en materia de accesibilidade e estado de conservación do espazo público.

A alcaldesa, Diana Piñeiro, destacou que “seguimos avanzando na transformación dos espazos públicos do municipio con actuacións que melloran de maneira directa a vida da veciñanza”. Neste sentido, subliñou que “este proxecto permite dar resposta ás necesidades de mobilidade e accesibilidade nun punto estratéxico como é o apeadoiro de Cecebre, reforzando ao mesmo tempo a calidade urbana do seu entorno”.

O goberno municipal continúa así impulsando actuacións que contribúen á modernización das infraestruturas locais, apostando por un modelo de espazo público máis accesible, seguro e adaptado ás necesidades actuais.


 

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login