- O Goberno municipal considera “inadmisible” que “quen levou Cambre á peor situación da súa historia pretenda agora dar leccións”.
- A alcaldesa asegura que comparecerá “para dicirlle a verdade aos veciños” e explicar “todo o traballo feito para recuperar o Concello”.
- A alcaldesa convidará á corporación a renunciar ao cobro dun pleno que custará 6.300 euros ás arcas municipais.
O pleno extraordinario convocado para este xoves en Cambre foi solicitado por Unión por Cambre (UxC) para pedir explicacións sobre a situación económica do Concello, a falta de persoal, a seguridade e o estado dos servizos municipais.
A alcaldesa, Diana Piñeiro, anunciará durante a sesión a súa proposta para que os membros da corporación municipal renuncien a cobrar a asistencia ao pleno, ao considerar que se trata dun “pleno baleiro de contido e sen utilidade real para os veciños e veciñas”.
Desde o Goberno municipal consideran que se trata dun pleno que “podería abordarse perfectamente pola vía ordinaria” e critican que a convocatoria extraordinaria supoña un custo aproximado de 6.300 euros para as arcas municipais.
“Estamos ante un espectáculo político pagado con cartos públicos. Este pleno podería celebrarse perfectamente pola vía ordinaria e o único que busca é xerar ruído político e intentar desviar responsabilidades”, afirma a rexedora.
“É inadmisible que quen levou o Concello de Cambre á peor situación económica, administrativa e institucional da súa historia pretenda agora dar leccións e montar un pleno extraordinario para pedir explicacións apenas un ano despois de abandonar o goberno”, sinalou Diana Piñeiro.
Neste sentido, o Goberno municipal lembra que leva apenas un ano á fronte do Concello e que durante este tempo tivo que afrontar graves problemas estruturais acumulados durante a última década, con importantes carencias de persoal, dificultades económicas e servizos municipais deteriorados.
“Nós non imos entrar no ruído político nin no espectáculo que outros pretenden montar. Nós imos comparecer para explicar con transparencia cal é a situación real do Concello e todo o traballo que se está facendo para recuperar servizos, reorganizar departamentos municipais e devolver estabilidade á institución”, explicou a alcaldesa.
A alcaldesa insiste en que o actual Executivo leva un “ano traballando para levantar un Concello que estaba nunha situación límite” e defende que, malia as dificultades, xa se están impulsando medidas para reforzar servizos, mellorar a organización interna e recuperar a capacidade de funcionamento municipal.
Por último, a alcaldesa apela á “responsabilidade política e ao respecto aos veciños” e anuncia que proporá aos membros da corporación municipal renunciar ás asistencias pola celebración do pleno extraordinario.




