Diana Piñeiro resolve pagos a clubs bloqueados dende 2021 e mobiliza preto de 37.000 euros para o deporte local

  • O Goberno local de Cambre desbloquea obrigas correspondentes ás tempadas 2021/2022 e ao exercicio 2022 que permanecían sen aboar
  • Os pagos benefician a clubs de fútbol como Sp. Cambre, Once Caballeros, Brexo-Lema e Bribes, así como ao Club Baloncesto Cambre
  • A actuación permite saldar unha situación arrastrada durante anos e garantir estabilidade ás entidades deportivas do municipio

O Concello de Cambre vén de aprobar o recoñecemento e pagamento de obrigas económicas pendentes con entidades deportivas do municipio, resolvendo pagos correspondentes ás tempadas 2021/2022 no caso do fútbol e ao ano 2022 no caso do baloncesto, que levaban anos bloqueados.
En total, mobilízanse 36.900 euros, nunha actuación impulsada polo Goberno local que permite desbloquear unha situación herdada e dar cumprimento a compromisos adquiridos con clubs do municipio.

No ámbito do fútbol, destínanse 27.900 euros a través da Asociación de Clubs de Fútbol de Cambre, para a súa distribución entre as entidades beneficiarias:

  • Sp. Cambre S.D.C. e R.: 12.000 euros
  • Once Caballeros C.F.: 7.500 euros
  • Brexo-Lema S.D.: 7.000 euros
  • Bribes C.F.: 1.400 euros

Ademais, o Concello aproba o pagamento de 9.000 euros ao Club Baloncesto Cambre, correspondentes ao convenio de promoción desta disciplina durante o ano 2022, unha vez validada a xustificación presentada pola entidade.

A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, subliña que “estamos a traballar para resolver situacións que levaban anos sen resposta e para poñer ao día as obrigas do Concello co tecido deportivo do municipio”.

Neste sentido, destaca que “non era de recibo que as entidades deportivas tiveran que esperar anos para cobrar” e engade que “este Goberno está comprometido con cumprir, ordenar e garantir seguridade ás entidades que sosteñen o deporte base no municipio”.

As resolucións aprobadas inclúen o levantamento dos reparos formulados pola intervención municipal, o que permite desbloquear definitivamente os expedientes e proceder ao aboamento das cantidades correspondentes.

Deste xeito, o Concello de Cambre avanza na normalización da súa xestión económica, reforza o apoio ao deporte e garante o cumprimento efectivo dos compromisos adquiridos coas entidades locais.


 

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login