investimento de máis de 870.000 euros para mellorar o río Mero
investimento de máis de 870.000 euros para mellorar o río Mero
Read Time: 4 mins
Diana Piñeiro logra manter un investimento de máis de 870.000 euros para mellorar o río Mero tras a perda do convenio de recuperación integral
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, recibiu este xoves á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e ao director xeral de Augas de Galicia, Roi Fernández, durante a visita institucional na que a Xunta de Galicia presentou as actuacións de acondicionamento e mantemento que executará no contorno do río Mero ao seu paso polo municipio, cun investimento superior aos 870.000 euros.
Durante a visita, o director xeral de Augas de Galicia explicou os detalles dun proxecto que permitirá actuar en cinco pasarelas do paseo fluvial, ademais de acometer diversas actuacións destinadas a mellorar a conservación deste espazo, reforzar a seguridade das persoas usuarias e poñer en valor o seu patrimonio natural, ambiental e turístico. Posteriormente, a comitiva percorreu unha das pasarelas incluídas na actuación para coñecer sobre o terreo o alcance dos traballos.
A visita produciuse apenas unha semana despois de que a oposición rexeitase no pleno o convenio impulsado polo Goberno local para acometer a recuperación integral do paseo fluvial do río Mero. Diana Piñeiro lembrou que aquela decisión supuxo perder unha oportunidade histórica para Cambre, xa que permitía recuperar integralmente este espazo e avanzar cara a un modelo que dotaría ao Concello de maior capacidade para impulsar novas actuacións e optar a futuras subvencións destinadas á conservación e posta en valor do río.
Con todo, a alcaldesa destacou que desde ese mesmo momento o Goberno municipal non renunciou a seguir defendendo os intereses de Cambre e mantivo o diálogo coa Xunta de Galicia e con Augas de Galicia para que o municipio continuase recibindo investimentos no río Mero.
Na súa intervención, Diana Piñeiro agradeceu, en nome dos veciños e veciñas de Cambre, a presenza da conselleira Ángeles Vázquez, do director xeral de Augas de Galicia, Roi Fernández, e do conxunto do equipo da Consellería, así como o compromiso demostrado co municipio.
"A semana pasada perdemos unha oportunidade histórica para a recuperación integral do paseo fluvial, pero tamén dixemos que non iamos renunciar a seguir chamando ás portas de Augas de Galicia para traer a Cambre todas as actuacións posibles. Hoxe comprobamos que ese compromiso dá resultados e que a Xunta segue apostando polo noso concello cun investimento moi importante para mellorar o río Mero."
A actuación presentada permitirá rehabilitar cinco pasarelas do paseo fluvial, unha das principais demandas da veciñanza debido ao seu deterioro polo paso do tempo e polas condicións meteorolóxicas. Segundo explicou Augas de Galicia, arredor do 65 % do investimento destinarase á rehabilitación destas estruturas mediante traballos de limpeza con hidrolimpadora para eliminar restos vexetais e sucidade adherida, o lixado de todos os elementos estruturais e a substitución das pezas deterioradas.
O resto do investimento permitirá acometer actuacións complementarias como a reparación e renovación da sinalización e da cartelería existente, o desentullo e limpeza dos sistemas de drenaxe, o mantemento da vexetación e a substitución dos valados deteriorados, co obxectivo de mellorar a conservación do espazo, reforzar a seguridade das persoas usuarias e poñer en valor o patrimonio natural, ambiental e turístico do río Mero.
Segundo se informou durante a visita, os traballos comezarán este mesmo mes e está previsto que estean rematados antes de finalizar o ano, permitindo ofrecer á veciñanza un paseo fluvial máis seguro, accesible e mellor conservado.
Diana Piñeiro destacou que estas actuacións supoñen unha resposta a unha reivindicación histórica da veciñanza e valorou que a Xunta continúe apostando por Cambre con investimentos que melloran un dos espazos naturais máis importantes do municipio.
"A mellora destas cinco pasarelas era unha demanda que a veciñanza levaba anos reclamando e que agora por fin vai ser unha realidade. É unha actuación moi importante para Cambre, pero tamén quero deixar claro que o noso traballo non remata aquí. Seguiremos defendendo a recuperación integral do paseo fluvial e seguiremos buscando novos investimentos que permitan continuar mellorando o río Mero e aproveitar todas as oportunidades de financiamento que beneficien ao noso concello."
A alcaldesa concluíu reafirmando o compromiso do Goberno municipal de continuar colaborando coa Xunta de Galicia e co resto das administracións para atraer novos investimentos e seguir avanzando na conservación e posta en valor do río Mero, un dos espazos naturais máis emblemáticos, utilizados e apreciados pola veciñanza de Cambre.