O Concello de Cambre instalará unha pantalla xigante
O Concello de Cambre instalará unha pantalla xigante
Read Time: 2 mins
O Concello de Cambre instalará este domingo, 19 de xullo, unha pantalla xigante no Auditorio do Parque da Igrexa para que a veciñanza poida seguir en directo a final do Mundial de fútbol entre as seleccións de España e Arxentina. O encontro comezará ás 21.00 horas e poderá seguirse de maneira libre desde este espazo municipal, que se converterá nun punto de encontro para todas as persoas que desexen vivir de forma conxunta unha cita histórica para o deporte español.
A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, explica que a iniciativa busca «ofrecer á veciñanza a oportunidade de compartir entre os veciños e veciñas, nun espazo público e aberto, un acontecemento deportivo histórico». Neste sentido, sinala que «promover actividades de encontro, convivencia e lecer para toda a cidadanía tamén forma parte da acción municipal».
Piñeiro destaca, ademais, o carácter puntual da proposta: «Estamos ante unha final que esperta unha enorme expectación social e consideramos positivo que as familias, a mocidade e as persoas afeccionadas poidan desfrutala xuntas en Cambre, sen necesidade de desprazarse a outros municipios».
Baixo o lema «Cambre coa nosa selección», o Concello anima á cidadanía a achegarse ao Auditorio do Parque da Igrexa e apoiar á selección española na súa loita polo título mundial.