O Goberno de Cambre lamenta que UxC abandonase o pleno extraordinario antes das explicacións que a propia formación solicitara

  • Diana Piñeiro: “Se querían respostas, o lóxico era quedar a escoitalas”
  • Unión por Cambre abandonou a sesión minutos antes do punto no que o Goberno ía informar sobre a situación económica, os servizos municipais e as medidas impulsadas neste primeiro ano
  • O Goberno municipal considera que o sucedido “deixou en evidencia o verdadeiro obxectivo do pleno”

O Goberno municipal de Cambre lamenta a actitude de Unión por Cambre (UxC) tras abandonar o pleno extraordinario celebrado este xoves antes de que comezase o punto no que o Executivo local debía ofrecer as explicacións solicitadas pola propia formación.

Segundo a orde do día rexistrada por UxC, o primeiro punto consistía nunha intervención para xustificar a convocatoria da sesión extraordinaria, mentres que o segundo recollía as explicacións do Goberno municipal sobre a situación económica do Concello, a falta de persoal, a seguridade, os servizos municipais e as medidas previstas para afrontar esta situación.

Porén, Unión por Cambre decidiu abandonar a sesión poucos minutos antes de iniciarse ese segundo punto, precisamente o apartado no que, segundo a propia convocatoria rexistrada pola formación, o Goberno municipal debía ofrecer as explicacións solicitadas.

A situación xerou sorpresa e incredulidade entre o público asistente e entre os distintos grupos da corporación municipal, especialmente tendo en conta que o pleno extraordinario fora promovido por UxC precisamente para reclamar esas explicacións.

“Se querían respostas, o lóxico era quedar a escoitalas”, sinalou a alcaldesa, Diana Piñeiro, durante a sesión plenaria.

Desde o Executivo local consideran que o sucedido “deixa claro que o único obxectivo do pleno era xerar confrontación política” e aseguran que o abandono da sesión “acabou deixando en evidencia o verdadeiro obxectivo da convocatoria”.

Durante a intervención do Goberno municipal abordáronse cuestións relacionadas coa situación económica e administrativa do Concello, os pagos pendentes, os avances na elaboración do novo orzamento municipal, a cobertura de prazas vacantes, os procesos selectivos en marcha, a situación da Policía Local, o Servizo de Axuda no Fogar, distintos contratos municipais e medidas impulsadas neste primeiro ano para reorganizar e estabilizar o funcionamento da administración local.O Executivo local tamén explicou diferentes actuacións realizadas para reforzar servizos municipais, mellorar a organización interna e avanzar na normalización administrativa e contractual do Concello.

“Nós comparecemos, demos explicacións e asumimos a responsabilidade de trasladar aos veciños a situación real do Concello e o traballo que se está facendo para recuperalo.

Outros preferiron abandonar o pleno antes de escoitar esas explicacións”, afirmou Diana Piñeiro.

A alcaldesa insiste ademais en que o actual Executivo continuará “centrado en resolver problemas, reforzar servizos e recuperar a estabilidade do Concello” fronte ao que cualificou de “estratexias de confrontación que non achegan absolutamente nada aos veciños e veciñas de Cambre”.


 

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login