O Rock in Cambre incorpora a Biznaga ao cartel da edición 2026

O Rock in Cambre (RIC) continúa consolidando a súa edición de 2026 coa incorporación de Biznaga, unha das bandas máis destacadas da nova escena estatal e referente para toda unha xeración de público novo vinculado ao rock e ao punk contemporáneo. O festival celebrarase os días 25 e 26 de setembro, mantendo o cambio de datas iniciado o pasado ano para evitar a coincidencia co elevado número de festivais de verán que se celebran en Galicia.

Con máis de trinta anos de historia, o Rock in Cambre segue sendo unha das citas musicais máis veteranas da comarca, mantendo intacta a súa esencia de festival gratuíto e aberto a todos os públicos, cun cartel de primeiro nivel e unha aposta firme pola música en directo.

A incorporación de Biznaga reforza unha nova liña de programación impulsada polo festival nos últimos anos, orientada a combinar bandas históricas do rock estatal con formacións actuais capaces de conectar coas novas xeracións sen perder “o mesmo espírito rockeiro” que definiu ao festival desde os seus inicios. O obxectivo é construír unha programación ampla e transversal, na que convivan diferentes estilos e públicos arredor da música en directo.

Formados arredor da escena punk, Biznaga convertéronse nun dos grupos máis sólidos e recoñecidos do panorama estatal grazas a unha proposta que combina melodía, actitude e unha sorte de canción protesta contemporánea. Os seus cinco traballos publicados ata o momento consolidaron unha traxectoria construída sobre grandes cancións, sen concesións no discurso nin renuncias no plano melódico.

No ano 2025 a banda foi recoñecida cos Premios MIN a Mellor Artista do Ano, Mellor Disco de Rock e Mellor Portada, ademais de recibir tamén o Premio da Academia da Música ao Mellor Disco de Rock, consolidándose como unha das formacións máis influentes do momento.

Biznaga súmase así ao primeiro nome xa confirmado para esta edición, Boikot, unha das bandas máis emblemáticas do rock estatal e unha das formacións históricas que aínda non pasaran polo escenario do Rock in Cambre. A banda madrileña chegará ademais nun momento especialmente destacado da súa carreira, tras a publicación dos primeiros avances do seu próximo disco No les interesa.

Outra das grandes novidades desta edición será a recuperación do formato de dous días completos de concertos, o que permitirá ampliar tamén a presenza de bandas locais. En total participarán cinco grupos da contorna, reforzando unha das ideas fundacionais do Rock in Cambre: servir como plataforma de impulso para o talento musical local.

Nas próximas semanas o festival continuará anunciando novas incorporacións e detalles da programación a través das súas canles oficiais e redes sociais.


 

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login

We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.