O Rock in Cambre incorpora a Carlangas como unha das grandes confirmacións da edición 2026
O Rock in Cambre continúa reforzando o cartel da súa edición de 2026 coa incorporación de Carlangas, un dos artistas galegos máis destacados e influentes do panorama musical actual.
Tras liderar durante máis dunha década Novedades Carminha, unha das bandas galegas con maior proxección estatal das últimas décadas, o músico compostelán iniciou unha nova etapa artística en solitario que o consolidou como unha das voces máis recoñecibles e persoais da escena actual.
A súa chegada ao Rock in Cambre producirase ademais nun momento especialmente destacado da súa carreira. Carlangas vén de publicar Universo Paralelo, o seu terceiro traballo en solitario, un disco que supón unha volta ás súas raíces máis eléctricas e directas, recuperando o protagonismo das guitarras e reivindicando a cultura rock que marcou a súa traxectoria musical.
O álbum conta con colaboracións de artistas como Leiva ou Dear Joanne e está a recibir unha excelente acollida tanto por parte da crítica como do público. Temas como Podería ser peor lograron situarse entre os máis virais de Spotify España, confirmando o excelente momento creativo que atravesa o artista.
Durante os próximos meses, Carlangas formará parte dos carteis dalgúns dos principais festivais do país, entre eles O Son do Camiño, FIB, Les Arts, Granada Sound ou Cooltural Fest, ademais de iniciar unha nova xira de salas que o levará por primeira vez en solitario a escenarios emblemáticos como La Riviera de Madrid ou Apolo de Barcelona.
A incorporación de Carlangas supón un importante salto cualitativo para un cartel que xa conta con nomes como Boikot, Biznaga e Me Fritos and the Gimme Cheetos, e que continuará medrando nas próximas semanas coa incorporación de novas bandas e artistas.
O Rock in Cambre celebrará a súa edición de 2026 os días 25 e 26 de setembro, recuperando o formato de dous días completos de concertos e mantendo a súa aposta por combinar grandes nomes da música estatal coa promoción do talento emerxente e local. Nesta edición participarán tamén cinco bandas da contorna, reforzando unha das señas de identidade históricas do festival.
Nas próximas semanas o Rock in Cambre continuará anunciando novas incorporacións e detalles dunha edición que volverá converter Cambre nun dos grandes puntos de encontro da música en directo en Galicia.