Orzamentos que incorporan propostas dos grupos

Diana Piñeiro leva mañá ao Pleno uns Orzamentos que incorporan propostas dos grupos que participaron na negociación 

●    O proxecto recolle achegas de BNG, PSOE e Alternativa dos Veciños e reforza actuacións xa previstas polo Goberno municipal atendendo ás prioridades trasladadas durante o proceso de diálogo.
●    Entre as medidas figuran 120.000 euros para a adquisición dunha nave, 82.400 euros para o Local Social de Cecebre, 360.000 euros para a cuberta do parque infantil Manuel Lugrís e 45.000 euros para impulsar o Centro de Información á Muller.
●    O Executivo lembra que todos os grupos tiveron a posibilidade de participar e que UxC, pese aos reiterados contactos realizados polo Goberno, non trasladou unha relación de propostas orzamentarias concretas.


A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, levará mañá, mércores 12 de agosto, ao Pleno extraordinario o proxecto de Orzamentos municipais de 2026, culminando un proceso de elaboración e negociación no que o Goberno municipal abriu o documento ao conxunto da Corporación e incorporou propostas e prioridades trasladadas polos grupos que decidiron participar.

O documento que será sometido á consideración do Pleno é resultado de meses de traballo. O Executivo municipal trasladou un borrador inicial aos grupos, mantivo reunións e ofreceu a posibilidade de presentar propostas, formular alternativas e establecer prioridades. As achegas recibidas foron posteriormente analizadas para incorporar aquelas que resultasen compatibles coa planificación municipal e viables desde os puntos de vista técnico, económico e xurídico.

O proceso permitiu tanto incorporar novas propostas como reforzar ou concretar actuacións que xa formaban parte da planificación do Goberno municipal, atendendo ás prioridades expresadas polos distintos grupos.
«Desde o primeiro momento tivemos claro que estes Orzamentos tiñan que estar abertos ao diálogo. Entregamos un borrador precisamente para poder melloralo, escoitamos aos grupos e incorporamos propostas sen preguntarnos de que siglas procedían. O criterio foi sempre que fosen boas para Cambre e que puidesen levarse a cabo», sinalou Diana Piñeiro.

Entre as achegas formuladas polo BNG atópase a compravenda dunha nave, cun investimento previsto de 120.000 euros.

A formación nacionalista trasladou tamén a súa prioridade de reforzar a actuación prevista no Local Social de Cecebre. A mellora dos centros e locais municipais xa formaba parte da planificación de investimentos do Goberno de Diana Piñeiro, pero durante a negociación o BNG solicitou incrementar especificamente a dotación destinada a Cecebre. O proxecto contempla finalmente unha partida de 82.400 euros para esta actuación.

No caso de Alternativa dos Veciños, a formación sinalou entre as súas prioridades a cuberta do parque infantil Manuel Lugrís. Esta actuación xa estaba contemplada previamente polo Goberno municipal dentro da súa planificación de investimentos e mantense no proxecto de Orzamentos cunha dotación de 360.000 euros.

Pola súa banda, o PSOE trasladou como prioridade a mellora das ventás do Local de Bribes. A actuación intégrase no plan de investimentos deseñado polo Goberno municipal para actuar nos diferentes locais e equipamentos municipais.

A formación socialista formulou ademais diferentes propostas no ámbito dos servizos sociais e do benestar animal que quedaron recollidas no proxecto. Entre elas figura unha dotación inicial de 45.000 euros para impulsar o Centro de Información á Muller (CIM), destinada á contratación de servizos profesionais de psicoloxía e asistencia xurídica para a posta en marcha do proxecto.

En materia de benestar animal, as contas recollen tamén a creación dun parque canino e un incremento orzamentario de 24.000 euros destinado ás colonias felinas.

«Unha negociación non consiste simplemente en sentarse nunha mesa. Ten que producir resultados. Houbo grupos que trasladaron propostas concretas, estudámolas e, cando eran viables, incorporámolas ou adaptamos a nosa planificación para atendelas. Iso é o que está reflectido no documento que mañá se somete ao Pleno», explicou a alcaldesa.

O Goberno municipal subliña igualmente que a posibilidade de participar no proceso estivo aberta desde o inicio ao conxunto da Corporación.

No caso de Unión por Cambre, o Executivo realizou reiterados intentos durante os últimos meses para facilitar a súa participación, mediante correos electrónicos, mensaxes, chamadas e ofrecementos para manter reunións, recibir propostas ou resolver dúbidas sobre o documento.

Pese a estes contactos, UxC non trasladou ao Goberno unha relación de propostas orzamentarias concretas nin alternativas para incorporar ás contas. Tal e como xa explicou anteriormente o Executivo, a cuestión específica trasladada pola formación durante os encontros mantidos estivo relacionada co Galaicoi.

«Todos os grupos tiveron a mesma porta aberta. A nosa responsabilidade como Goberno era ofrecer diálogo, escoitar e buscar acordos, e iso fixémolo ata o final. Quen trasladou propostas concretas atopou un Goberno disposto a estudalas e incorporalas cando eran viables», afirmou Piñeiro.

A alcaldesa lembra que o documento entregado inicialmente aos grupos era precisamente un borrador de traballo e que a súa evolución ao longo destes meses é consecuencia do propio proceso negociador.

«Se entregamos un borrador foi para poder modificalo. Se despois de meses de reunións o documento fose exactamente o mesmo, significaría que non houbo negociación. Cambiou porque escoitamos, porque houbo achegas e porque entendemos que estes non debían ser os Orzamentos dun partido, senón uns Orzamentos útiles para Cambre», sinalou.

O proxecto chegará mañá ao Salón de Plenos despois de completar a súa tramitación técnica e o proceso de diálogo coa Corporación. A aprobación inicial do Orzamento xeral e do cadro de persoal do Concello de Cambre para o exercicio 2026 será o único punto da orde do día do Pleno extraordinario, convocado para as 11.00 horas.

O Goberno municipal defende que a aprobación das novas contas permitirá adaptar os créditos ás necesidades actuais do Concello, impulsar investimentos, tramitar convocatorias de subvencións, iniciar expedientes de contratación, reforzar servizos municipais e poñer en marcha actuacións con continuidade nos seguintes exercicios.
«Nós chegamos ao Pleno co traballo feito. Elaboramos unhas contas, abrímolas á Corporación, negociamos, escoitamos e incorporamos propostas. Mañá presentamos un documento que non responde unicamente ás prioridades do Goberno, senón que tamén recolle achegas daqueles grupos que decidiron participar na súa elaboración», concluíu Diana Piñeiro.

 

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login

We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.