Os Orzamentos caen no Pleno pese a incorporar propostas da oposición

  • Diana Piñeiro lamenta que as contas non reúnan o apoio necesario despois de meses de negociación, reunións e modificacións do proxecto para atender achegas da Corporación.

  • O Goberno incorporou propostas e prioridades trasladadas por BNG, PSOE e Alternativa dos Veciños, ademais de reforzar actuacións xa previstas atendendo ás súas peticións.
  • UxC votou en contra das contas despois de non trasladar propostas orzamentarias concretas, pese aos reiterados intentos do Goberno para lograr a súa participación no proceso. 
  • Piñeiro: «Se unha formación considera que estes Orzamentos deben saír adiante, a forma máis clara de facilitalos é votar a favor».

Os Orzamentos municipais de Cambre para 2026 non conseguiron saír adiante no Pleno pese a chegar á sesión despois de meses de negociación e cun documento que incorporaba propostas e prioridades trasladadas pola oposición durante o proceso aberto polo Goberno de Diana Piñeiro.

A alcaldesa lamentou que as contas non obtivesen o apoio necesario despois de que o Executivo entregase un borrador aos grupos, mantivese reunións de traballo, atendese as achegas recibidas e modificase o proxecto inicial para incorporar aquelas propostas que resultasen positivas para Cambre e contasen coa necesaria viabilidade técnica, económica e xurídica.

«Fixemos todo o que estaba nas nosas mans para chegar a un acordo. Abrimos o documento, escoitamos, negociamos e tamén cedemos. O proxecto que chegou ao Pleno non era o mesmo co que comezamos porque precisamente houbo grupos que fixeron propostas e un Goberno disposto a incorporalas», sinalou Diana Piñeiro.

O proceso permitiu incorporar novas medidas e tamén reforzar ou concretar actuacións que xa formaban parte da planificación do Executivo municipal.

Entre as achegas formuladas polo BNG figuraba a compravenda dunha nave, cun investimento previsto de 120.000 euros. A formación solicitou tamén reforzar a actuación no Local Social de Cecebre. A mellora dos centros e locais municipais xa estaba incluída na planificación do Goberno, pero a petición do BNG permitiu incrementar especificamente a dotación para Cecebre, que quedou fixada no proxecto en 82.400 euros.

No caso de Alternativa dos Veciños, a formación sinalou entre as súas prioridades a cuberta do parque infantil Manuel Lugrís, unha actuación que xa estaba prevista polo Goberno municipal dentro da súa planificación de investimentos e que figuraba nas contas cunha dotación de 360.000 euros.

Pola súa banda, o PSOE trasladou como prioridade a mellora das ventás do Local de Bribes, integrada no plan municipal de actuación nos diferentes locais e equipamentos públicos. A formación socialista formulou ademais propostas como unha dotación inicial de 45.000 euros para impulsar o Centro de Información á Muller (CIM) mediante servizos profesionais de psicoloxía e asistencia xurídica, a creación dun parque canino e un incremento de 24.000 euros destinado ás colonias felinas.

«Houbo formacións da oposición que nos trasladaron peticións concretas e foron atendidas. Nalgúns casos incorporamos novas propostas e noutros reforzamos ou concretamos actuacións que o Goberno xa tiña previstas. Esa é a proba máis clara de que houbo unha negociación real», explicou Piñeiro.

O Goberno municipal subliña que esa vontade de diálogo se estendeu ao conxunto da Corporación e que ningún grupo quedou excluído da posibilidade de participar na elaboración das contas.

No caso de Unión por Cambre, o Executivo realizou durante os últimos meses reiterados intentos para conseguir a súa participación mediante correos electrónicos, mensaxes, chamadas e ofrecementos para manter reunións, recibir propostas ou resolver calquera dúbida sobre o documento.

Pese á insistencia do Goberno, UxC non trasladou unha relación de propostas orzamentarias concretas nin alternativas para incorporar ás contas e finalmente votou en contra do proxecto no Pleno. Tal e como o Executivo xa explicara publicamente antes da sesión, a cuestión específica formulada pola formación durante os encontros mantidos estivera relacionada co Galaicoi.

«Con UxC insistimos unha e outra vez para intentar que participase. Ofrecemos reunións, pedimos propostas e mantivemos aberta a negociación. Non presentaron unha relación de achegas concretas e hoxe decidiron votar en contra. Esa é a realidade do proceso», afirmou Piñeiro.

A alcaldesa incidiu en que ningún grupo pode alegar falta de oportunidades para participar na elaboración das contas.

«Todos recibiron un borrador e todos tiveron a porta aberta. Con aqueles que trasladaron propostas traballamos sobre elas e incorporamos as que eran viables. E con quen non o fixo insistimos igualmente para intentar conseguir a súa participación», sinalou.

Piñeiro destacou ademais que unha negociación orzamentaria acaba concretándose no momento da votación e que corresponde a cada formación asumir e explicar a posición adoptada.

«Respectamos absolutamente a posición de cada grupo e cada formación é libre de votar como considere. Pero tamén hai que chamar ás cousas polo seu nome. Se unha formación considera que estes Orzamentos deben saír adiante, a forma máis clara de facilitalos é votar a favor», sinalou.

A alcaldesa considera especialmente relevante que algunhas das formacións que non deron o seu voto favorable tivesen propostas ou prioridades propias reflectidas no documento sometido ao Pleno.

«Nós chegamos ata onde podía chegar o Goberno: presentamos unhas contas, abrímolas á negociación, modificamos o documento e atendemos propostas da oposición. Incluso incorporamos prioridades de formacións que finalmente non deron o seu voto favorable. A partir de aí, cada grupo terá que explicar a posición que decidiu adoptar», afirmou.

A non aprobación das contas impide que entre en vigor a nova planificación económica coa que o Executivo pretendía actualizar os créditos municipais, reforzar servizos e avanzar en novos investimentos e actuacións en diferentes puntos do municipio.

O proxecto contemplaba actuacións en rúas, parques infantís, locais sociais e equipamentos públicos, medidas vinculadas aos servizos sociais e ao benestar animal, así como iniciativas de apoio ás entidades, ANPA, asociacións e clubs deportivos.

«Non estamos falando simplemente de que un Goberno gañe ou perda unha votación. Estamos falando dun instrumento que permitía ampliar a capacidade de actuación do Concello e poñer en marcha medidas concretas para Cambre», subliñou Piñeiro.

A pesar do resultado, a alcaldesa asegurou que o Executivo municipal seguirá buscando todas as vías ao seu alcance para defender os investimentos e actuacións que considera necesarios.

«Non imos renunciar. Seguiremos traballando e estudando todas as posibilidades para sacar adiante cada investimento, cada axuda e cada mellora que Cambre necesita», afirmou.

Piñeiro pechou a súa valoración facendo referencia á coincidencia do Pleno co eclipse deste 12 de agosto.

«Hoxe coincide co día do eclipse, pero Cambre non pode quedar á sombra. Nós fixemos o que nos correspondía: dialogamos, negociamos, cedemos e incorporamos propostas. Agora seguiremos traballando para que os investimentos, os servizos e as melloras que necesita o municipio poidan saír adiante», concluíu Diana Piñeiro.

 

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login