programación municipal de actividades físicas, socioculturais e de novas tecnoloxías

A Xunta de Goberno Local aproba un contrato de 265.159,76 euros para os anos 2026 e 2027, prorrogable por outros dous máis.

O servizo permitirá dar continuidade ás escolas de actividade física e saúde, ás actividades socioculturais de proximidade e aos programas de iniciación ás novas tecnoloxías en distintos espazos do municipio.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Cambre aprobou o expediente de contratación do servizo de programas de actividades físicas e actividades socioculturais promovidas polo Concello. O acordo inclúe tamén a aprobación dos pregos que rexerán o contrato e a apertura do procedemento de licitación para un servizo cun orzamento base de 265.159,76 euros (IVE incluído), unha duración inicial de dous anos, correspondente ás anualidades 2026 e 2027, e a posibilidade de prórroga por outros dous anos máis.

A través deste contrato, o Concello dará continuidade a unha ampla programación municipal que abrangue as escolas de actividade física e saúde, as actividades físico-recreativas de verán, as actividades socioculturais de proximidade e os programas de iniciación ás novas tecnoloxías, garantindo unha oferta estable de actividades orientadas ao lecer, á formación, á promoción da saúde e á participación da veciñanza.

O contrato distribúe o investimento en tres grandes áreas de actuación. Máis de 120.000 euros destinaranse ás escolas de actividade física e saúde e ás actividades físico-recreativas de verán; máis de 85.000 euros, ás actividades socioculturais de proximidade; e máis de 12.800 euros, aos programas de iniciación ás novas tecnoloxías.

A programación desenvolverase en distintos centros municipais e locais sociais das parroquias, favorecendo que a oferta chegue a diferentes puntos do municipio. Entre as actividades previstas inclúense cursos de informática básica e formación no uso de teléfonos móbiles e tabletas, contribuíndo a reducir a fenda dixital e facilitando que máis veciños e veciñas adquiran competencias tecnolóxicas para o seu día a día.

O contrato contempla, ademais, a prestación do servizo mediante persoal especializado nas distintas áreas, coa coordinación xeral das actividades e un sistema de substitucións que garanta a continuidade da programación e a correcta atención ás persoas participantes.

A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, quixo trasladar as súas desculpas á veciñanza, e especialmente ás persoas maiores que participan habitualmente nestas actividades, pola interrupción que experimentou este servizo nos últimos meses. "Somos conscientes da importancia que ten esta programación para moitas persoas, non só porque promove hábitos de vida saudables, senón porque constitúe un espazo de convivencia, socialización e aprendizaxe. Lamento sinceramente as molestias ocasionadas por unha interrupción que non era desexada, pero que veu motivada pola situación contractual e administrativa do servizo", sinalou.

A rexedora engadiu que "desde o primeiro momento traballamos para resolver esta situación da mellor maneira posible e dentro das posibilidades que permite a propia tramitación administrativa, que require cumprir unha serie de procedementos e prazos legais. O noso compromiso é regularizar contratos que levaban anos sen renovarse e ofrecer servizos estables e con todas as garantías para a veciñanza. A aprobación deste expediente é unha mostra dese compromiso".

Coa aprobación deste expediente, o Concello continúa avanzando na planificación dos servizos municipais e na consolidación dunha programación estable que permitirá seguir desenvolvendo actividades físicas, socioculturais e de iniciación ás novas tecnoloxías durante os vindeiros anos, unha vez se complete o procedemento de licitación e se formalice a correspondente adxudicación.

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login