Quen non presentou unha soa proposta orzamentaria non pode acusar ao Goberno de non negociar
Quen non presentou unha soa proposta orzamentaria non pode acusar ao Goberno de non negociar
Read Time: 9 mins
O proxecto dos Orzamentos municipais de 2026 será ditaminado nunha comisión informativa extraordinaria o 7 de agosto e elevado ao Pleno extraordinario do 12 de agosto.
- «Non son os orzamentos do PP, senón os orzamentos de Cambre». - O Goberno sostén que UxC non trasladou ningunha proposta orzamentaria concreta e que a única cuestión formulada durante as reunións se referiu á celebración do Galaicoi. - Piñeiro rexeita que aprobar as contas en agosto careza de utilidade: permitirán habilitar novos créditos, tramitar axudas, impulsar investimentos e iniciar actuacións con continuidade nos seguintes exercicios.
O Goberno municipal de Cambre elevará o proxecto dos Orzamentos municipais de 2026 a un Pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro 12 de agosto. Previamente, o expediente será analizado e ditaminado nunha comisión informativa extraordinaria convocada para o 7 de agosto.
A alcaldesa, Diana Piñeiro, explicou que estas datas permitirán completar con todas as garantías os informes e a tramitación técnica do expediente, tras un período marcado pola sucesión de responsables accidentais no departamento municipal de Intervención ata a incorporación da interventora titular.
A intención inicial do Executivo era presentar as contas no Pleno ordinario de maio. Porén, a pesar de que o proxecto foi preparado para cumprir ese calendario, a tramitación viuse condicionada pola situación de Intervención. Tras a incorporación da interventora titular e a recuperación progresiva da actividade ordinaria no departamento, o Goberno retomou o expediente ata fixar definitivamente as datas para o seu debate.
«Desde o primeiro momento dixemos que Cambre necesitaba un novo orzamento e traballamos para conseguilo. Agora xa hai unha data concreta: comisión o 7 de agosto e Pleno extraordinario o día 12. Os grupos terán que decidir se queren que o Concello avance ou se prefiren que siga condicionado por unhas contas prorrogadas», afirmou Piñeiro.
Un proceso aberto aos grupos municipais
Durante os últimos meses, o Executivo municipal impulsou un proceso de diálogo coa Corporación coa vontade de construír un proxecto aberto ao consenso. Para iso, celebráronse reunións de traballo, trasladouse un borrador inicial e ofrecéuselles aos grupos a posibilidade de presentar propostas, establecer prioridades e formular alternativas.
As achegas recibidas foron analizadas e incorporadas sempre que resultaron viables desde os puntos de vista técnico, económico e xurídico. Ese traballo permitiu enriquecer o documento con iniciativas relacionadas cos investimentos municipais, os equipamentos públicos, o patrimonio, o benestar animal, os servizos sociais e o apoio ao tecido asociativo e deportivo.
O Goberno municipal considera especialmente contraditorio que Unión por Cambre critique agora que o documento que se someterá ao Pleno non coincida exactamente co primeiro borrador que se entregou aos grupos.
«Un borrador é, por definición, un documento de traballo. Remitiuse precisamente para que puidese modificarse, incorporar propostas e adaptarse aos informes técnicos. Se non cambiase, acusaríannos de non negociar; como cambiou para incorporar achegas, critícannos porque xa non coincide. As dúas acusacións non se poden soster ao mesmo tempo», sinalou a alcaldesa.
UxC non presentou propostas orzamentarias
A alcaldesa asegurou que o Goberno explicará con transparencia como se desenvolveu o proceso de diálogo e cal foi a participación real de cada formación política. Mentres o resto dos grupos municipais colaborou no proceso e trasladou propostas concretas para a súa análise, UxC non presentou ningunha achega orzamentaria nin formulou alternativas ao documento.
Segundo indicou Piñeiro, a pesar dos intentos realizados para favorecer a participación de todos os grupos, UxC non entregou unha relación de propostas orzamentarias nin formulou alternativas concretas para modificar as contas. A única cuestión específica trasladada pola formación durante os encontros mantidos referiuse ao Galaicoi.
«Quen non presentou unha soa proposta orzamentaria non pode acusar ao Goberno de non buscar o consenso. Tivemos o documento enriba da mesa, escoitamos e incorporamos as iniciativas que eran beneficiosas para Cambre. Non se pode renunciar a participar no traballo e despois construír o relato de que non existiu negociación», afirmou.
O Goberno municipal pode acreditar mediante decenas de correos electrónicos, mensaxes e rexistros de chamadas os reiterados intentos realizados para contactar con Unión por Cambre e facilitar a súa participación. A pesar da insistencia para manter reunións, recibir propostas ou aclarar calquera dúbida sobre o documento, en numerosas ocasións nin sequera se obtivo resposta. Estes feitos evidencian a falta de participación da formación durante o proceso de elaboración das contas.
As subvencións deportivas figurarán nas contas
En relación coas críticas de UxC sobre a información trasladada ás entidades deportivas, o Goberno municipal aclara que en ningún momento se presentaron as actualizacións das subvencións como unha medida definitivamente aprobada.
O que se lles explicou aos clubs foi a proposta incorporada polo Executivo ao proxecto orzamentario, deixando claro que a súa materialización dependerá da aprobación das contas por parte do Pleno.
«Non estamos prometendo algo á marxe do procedemento. Estamos explicando con transparencia que existe unha proposta concreta, que estará escrita nos Orzamentos e que os grupos municipais terán que votar. Vender fume sería ocultarlles ás entidades que a decisión final depende do Pleno», sinalou Piñeiro.
Aprobar as contas en agosto si permite actuar
O Goberno municipal rexeita tamén a afirmación de que aprobar os Orzamentos de 2026 no mes de agosto non teña sentido ou que a súa entrada en vigor en outubro sexa automática.
Tras a aprobación inicial, abrirase o correspondente período de exposición pública.
Se non se presentan reclamacións, o orzamento considerarase definitivamente aprobado e entrará en vigor tras a publicación correspondente. Polo tanto, a data concreta dependerá da tramitación do expediente e non é correcto presentar o mes de outubro como unha data inevitable.
Unha vez en vigor, as contas permitirán habilitar e actualizar créditos para tramitar convocatorias de subvencións, impulsar investimentos, iniciar expedientes de contratación, mellorar servizos municipais e adquirir compromisos de gasto dentro dos límites legais.
Tamén será posible iniciar e tramitar actuacións, contratos e investimentos con continuidade en exercicios posteriores, sempre que se cumpran os requisitos establecidos pola normativa. Polo tanto, o 31 de decembro non desaparecen automaticamente todas as actuacións iniciadas nin os compromisos legalmente adquiridos.
«Dicir que aprobar un orzamento en agosto non serve para nada é negar como funciona unha administración. Permitirá actuar durante os meses restantes, poñer en marcha expedientes, comprometer investimentos e preparar actuacións que teñan continuidade. Non aprobalo só serviría para manter o Concello atado a unha prórroga que non responde ás necesidades actuais de Cambre», afirmou Piñeiro.
A alcaldesa considera tamén falso o dilema formulado por UxC entre aprobar as contas de 2026 ou empezar a traballar nas de 2027.
«Un goberno responsable ten que facer as dúas cousas: dotar o Concello dunha ferramenta para afrontar as necesidades inmediatas e comezar a preparar o seguinte exercicio. Renunciar agora aos Orzamentos de 2026 non adianta os de 2027; simplemente deixa Cambre durante máis tempo sen os recursos e os créditos que necesita», subliñou.
«Son os Orzamentos de Cambre»
A alcaldesa concluíu apelando á responsabilidade do conxunto da Corporación de cara á comisión informativa do 7 de agosto e ao Pleno extraordinario do día 12.
«Non son os Orzamentos do Partido Popular, senón os Orzamentos de Cambre. Non nos importou de quen era cada proposta. Cando unha iniciativa era boa para os veciños e veciñas e podía levarse a cabo, incorporámola. Ese foi o único criterio que seguimos durante toda a negociación», subliñou.
«Agora os grupos municipais terán que decidir. Estes Orzamentos non buscan beneficiar a un goberno nin a unhas siglas: buscan recuperar a capacidade de xestión, impulsar investimentos, reforzar o apoio ás entidades e mellorar os servizos públicos. Quen vote terá que explicar se está pensando nos intereses de Cambre ou na súa estratexia política», concluíu.