Diana Piñeiro pon xa en marcha os Orzamentos de 2027 tras quedar os de 2026 a un voto da aprobación
● O Goberno municipal traballa coa previsión de levar as novas contas ao Pleno entre outubro e novembro para intentar que poidan entrar en vigor co inicio de 2027. ● Piñeiro lembra que UxC foi a única formación que votou en contra dos Orzamentos de 2026, mentres Alternativa dos Veciños foi a única forza da oposición que deu o seu voto favorable. ● A alcaldesa agradece especialmente a Alternativa que, podendo limitarse á abstención, asumise a responsabilidade de contribuír á aprobación das contas.
O Goberno municipal de Cambre iniciou xa os traballos para a elaboración dos Orzamentos de 2027, apenas uns días despois de que as contas de 2026 quedasen a un único voto de conseguir a súa aprobación no Pleno.
A alcaldesa, Diana Piñeiro, fixa como seguinte obxectivo avanzar durante as próximas semanas na elaboración do novo documento para poder levalo ao Pleno entre os meses de outubro e novembro, completar a súa tramitación coa suficiente antelación e intentar que as novas contas poidan entrar en vigor co inicio de 2027.
«Non nos rendemos. Quedamos a un só voto de sacar adiante os Orzamentos de 2026 e xa estamos traballando nos de 2027. Queremos facer os deberes con tempo, levalos ao Pleno entre outubro e novembro e facer todo o posible para que Cambre poida comezar o próximo ano cunhas novas contas», afirmou Piñeiro.
O Executivo volverá abrir o proceso ao conxunto da Corporación e ofrecerá aos grupos municipais a posibilidade de formular propostas, establecer prioridades e participar na construción do documento, seguindo a mesma filosofía de diálogo aplicada ás contas de 2026.
O proxecto deste exercicio incorporaba propostas e prioridades trasladadas por BNG, PSOE e Alternativa dos Veciños, ademais de reforzar actuacións que xa estaban previstas polo Goberno atendendo ás peticións formuladas durante a negociación. Finalmente, as contas quedaron a un único voto favorable de saír adiante.
Piñeiro quixo agradecer especialmente a posición de Alternativa dos Veciños, única formación da oposición que decidiu votar favorablemente ao proxecto.
«Alternativa podía terse limitado á abstención, pero decidiu votar a favor. Podemos ter diferenzas políticas, e seguirémolas tendo, pero hai que saber recoñecer cando unha formación entende que unhas contas son positivas para Cambre e asume a responsabilidade de contribuír coa súa votación a que poidan saír adiante», sinalou.
A alcaldesa reiterou neste sentido que «se unha formación considera que uns Orzamentos deben saír adiante, a forma máis clara de facilitalos é votar a favor». Pola contra, Unión por Cambre foi a única formación que votou en contra dos Orzamentos de 2026. O Goberno lembra que durante os meses previos realizou reiterados intentos para lograr a súa participación mediante reunións, correos electrónicos, mensaxes, chamadas e ofrecementos para recibir propostas ou resolver dúbidas sobre o documento. Pese a esa insistencia, UxC non trasladou unha relación de propostas orzamentarias concretas e finalmente os seus sete concelleiros votaron en contra.
«O Pleno deixou unha fotografía moi clara: Alternativa votou a favor, outras formacións optaron pola abstención e UxC foi a única que votou en contra. Os Orzamentos quedaron a un voto de saír adiante. Cada grupo pode explicar a súa posición como considere, pero os feitos son os que son», afirmou Piñeiro.
A alcaldesa referiuse tamén ás supostas irregularidades ou problemas de legalidade alegados por UxC para xustificar o seu voto negativo e lembrou que esas consideracións non levaron a ningunha outra formación da Corporación a votar en contra das contas.
«Iso non resolve ningún debate xurídico, pero si deixa un feito claro: UxC foi a única formación que considerou que esas obxeccións xustificaban votar en contra. No resto da Corporación houbo votos favorables e abstencións, pero ningún outro voto negativo», indicou.
O Goberno volverá ofrecer a Unión por Cambre a mesma posibilidade de participar na elaboración dos Orzamentos de 2027 que ao resto dos grupos.
«Se agora UxC quere participar, volverá atopar a porta aberta. Agardamos que nesta ocasión esa vontade se traduza desde o principio en propostas concretas e nunha disposición real para construír un acordo. Nós non lle imos pechar a porta a ninguén», afirmou Piñeiro.
A alcaldesa contrapuxo esta situación co discurso sobre o bloqueo mantido durante anos por UxC, que chegou a responsabilizar ás habilitadas nacionais das dificultades do Concello. Piñeiro considera que as últimas votacións permiten agora valorar ese argumento con feitos: a formación non só foi a única que votou en contra dos Orzamentos de 2026, senón que anteriormente o seu voto contrario contribuíu a que Cambre non puidese aproveitar 245.701,58 euros do POS+ Adicional 2/2025 e chegou incluso a votar en contra da Conta Xeral de 2024, correspondente á súa propia etapa de goberno.
«Chegamos a un punto no que parece que a resposta de UxC é votar non practicamente a todo: votaron en contra dun expediente que permitía aproveitar máis de 245.000 euros de financiamento provincial, votaron en contra da Conta Xeral da súa propia xestión e agora foron os únicos que votaron en contra duns Orzamentos que quedaron a un só voto de saír adiante. É difícil seguir falando de bloqueo provocado polas habilitadas ou polos demais sen mirar tamén para as propias decisións», sinalou Diana Piñeiro.
O Goberno municipal insiste, en todo caso, en que a non aprobación dos Orzamentos de 2026 non será utilizada como escusa para paralizar a súa acción. O rexeitamento das contas non significa que todas as actuacións previstas desaparezan, pero si obriga a atrasar procedementos, buscar outras vías administrativas, reprogramar investimentos e dedicar novos esforzos a recuperar medidas que podían avanzar cunhas contas actualizadas.
Piñeiro considera especialmente preocupante que estes atrasos volvan repercutir sobre entidades, colectivos e veciñanza que levan anos esperando solucións e melloras.
«O problema non é simplemente que unha partida se execute uns meses máis tarde. É facer esperar outra vez a entidades, clubs, ANPA, asociacións e veciños que levan demasiado tempo sufrindo os atrasos e as dificultades que arrastra Cambre. Cada novo obstáculo aumenta ese desgaste», sinalou.
O Executivo traballará por iso en dúas direccións: buscar alternativas para recuperar o maior número posible das actuacións previstas para 2026 e avanzar en paralelo na elaboración das contas de 2027.
«Se unha actuación pode recuperarse por outra vía, buscarémola. Se ten que incorporarse aos Orzamentos de 2027, traballaremos para que estea preparada. E se hai que volver sentarse con todos os grupos, volverémonos sentar», afirmou.
Piñeiro considera que quedar a un único voto da aprobación tamén demostra que o diálogo entre formacións diferentes é posible mesmo cun Goberno municipal que conta con só catro concelleiros.
«Con catro concelleiros conseguimos construír un documento que incorporaba propostas doutras formacións e quedamos a un voto da súa aprobación. Non conseguimos ese último apoio, pero demostramos que falar, negociar e chegar a acordos é posible», afirmou.
«Non imos facer do bloqueo unha escusa para deixar de gobernar. Xa estamos traballando nas seguintes contas, queremos levalas ao Pleno entre outubro e novembro e facer todo o posible para evitar novos atrasos e conseguir que Cambre comece 2027 cun novo Orzamento e cunha maior capacidade para avanzar», concluíu Diana Piñeiro