Torneo de Fútbol e Carreira Popular de Cambre

●    O histórico Torneo de Fútbol Concello de Cambre regresou na súa LI edición despois de non celebrarse en 2025.
●    A súa recuperación súmase á da XXXIII Carreira Popular, celebrada o pasado 15 de agosto tras non disputarse desde agosto de 2023.
●    A alcaldesa destaca o traballo realizado para recuperar a normalidade cos clubs e devolver ao calendario municipal citas deportivas tradicionais que se foran perdendo nos últimos anos.


O goberno municipal de Cambre fai un balance positivo da recuperación durante este verán de dúas das citas deportivas tradicionais do municipio, o Torneo de Fútbol Concello de Cambre e a Carreira Popular, que volveron ao calendario municipal despois de deixar de celebrarse nas súas anteriores convocatorias.

O pasado fin de semana tivo lugar a LI edición do Torneo de Fútbol Concello de Cambre, coincidindo coas festas patronais e despois de que a competición non se celebrase en 2025.

A organización levouse a cabo entre a Asociación de Clubs de Fútbol de Cambre e o propio Concello. As fases de clasificación disputáronse nos campos de Os Pinares, do Brexo-Lema, e Lendoiro, do Once Caballeros, mentres que as finais tiveron lugar, como en edicións anteriores, no campo Dani Mallo, cunha destacada presenza de público nas bancadas.

Na categoría sénior masculina, o Sporting Cambre impúxose por 4-0 ao Once Caballeros, mentres que na categoría sénior feminina venceu por 5-0 ao Brexo-Lema. Na competición xuvenil, o Once Caballeros e o Brexo-Lema empataron a un gol, o Sporting Cambre e o Brexo-Lema igualaron a cero e o Sporting Cambre venceu por 4-0 ao Once Caballeros. A clasificación final quedou encabezada polo Sporting Cambre, seguido do Brexo-Lema e do Once Caballeros. Na categoría de veteranos, o Bribes venceu por 3-0 ao Sigrás.

A alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, e a nova concelleira de Deportes, María Luisa Fernández Santín, participaron na entrega de premios das distintas categorías, acompañando aos clubs e aos participantes no peche desta nova edición.

O regreso do torneo prodúcese tras un ano de parón e despois dun período marcado polas dificultades económicas dos clubs e polos atrasos no pagamento dos convenios municipais. Desde a chegada do actual goberno, unha das liñas de traballo foi avanzar na normalización da relación co tecido deportivo, poñer ao día compromisos pendentes e recuperar progresivamente actividades que deixaran de celebrarse.

A alcaldesa, Diana Piñeiro, considera que o regreso destas competicións permite empezar a comprobar os resultados dese traballo.

«Desde que asumimos o goberno marcámonos como prioridade recuperar a normalidade na relación cos clubs, avanzar na posta ao día dos compromisos pendentes e devolver ao calendario actividades que durante os últimos anos se foran perdendo. Ver de novo o Torneo de Fútbol e a Carreira Popular en Cambre demostra que estamos avanzando nesa dirección», sinala.

Piñeiro destaca tamén o valor destas competicións máis alá do ámbito estritamente deportivo. «Son citas que forman parte da vida de Cambre, que reúnen aos clubs, ás familias e á veciñanza. Recuperalas significa recuperar tamén espazos de encontro, convivencia e participación arredor do deporte», afirma.

A celebración do torneo súmase á recuperación da XXXIII Carreira Popular Concello de Cambre, que regresou o pasado 15 de agosto e que non se disputaba desde agosto de 2023. A proba foi presentada este ano polo Concello como a recuperación dunha das citas deportivas máis emblemáticas e tradicionais do municipio.

«Queremos que Cambre volva ter actividade, deporte e citas que unan á veciñanza. Recuperar nun mesmo verán dúas competicións con tanta tradición é unha satisfacción e, sobre todo, un estímulo para seguir traballando nesta dirección», conclúe Piñeiro.

O Concello agradece a colaboración e implicación da Asociación de Clubs de Fútbol de Cambre e dos clubs participantes para facer posible o regreso dunha competición que alcanza xa a súa LI edición e volve ocupar o seu lugar no calendario deportivo do municipio.

 

 

 

 

Entre rías

Oleiros
15176 - A Coruña

Tfno: +34.609839609
redaccion@entreriasnoticias.es

Subscríbete a nuestro boletín

Recibe nuestras noticias actualizadas

Login